A homenaxe de Lalín a Alfonso Sucasas será un acto sinxelo con música de violonchelo, ofrenda floral e recital poético de Luís González Tosar

Sucasas xunto a unha das súas obras
Mañá ás 18.30 horas, na igrexa parroquial de Lalín, terá lugar o funeral do primeiro aniversario do pasamento de Alfonso Sucasas Guerra, lalinense nacido en Goiás e un dos grandes artistas plásticos de Galicia. A continuación, a partir das 19.15 horas, o Concello de Lalín brindaralle unha homenaxe sinxela a este insigne lalinense no antigo cemiterio onde está soterrado.
O dito recoñecemento foi así acordado polo alcalde de Lalín José Crespo coa viúva do pintor, María Espinosa, nunha reunión celebrada a pasada semana, na que tamén comezaron a perfilar un proxecto a longo prazo para manter a memoria de Sucasas o máis viva posible e potenciar a esta gran figura das artes plásticas de Galicia.
Este acto emotivo, que pretende ser un recoñecemento do pobo de Lalín a este insigne pintor lalinense, será conducido pola concelleira de Cultura, María Álvarez, e abrirase e pecharase coa interpretación musical a cargo da profesora de violonchelo do Conservatorio Profesional de Música de Lalín, Tatiana Cucerencho.
A continuación o alcalde de Lalín, José Crespo, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, realizarán unha ofrenda floral e deseguido Luís González Tosar, poeta e amigo do finado, ofrecerá un recital poético. A música de Cucerencho poñerá o final ao acto en recordo de Sucasas, Comendador do Cocido desde o 2000 e autor dos carteis da Feira nos anos 76, 79, 95 e 2000.











