A festa do deporte despega cunha maratoniana xornada no complexo multideportivo de Fontecarmoa, en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A vixésimo cuarta edición da Festa do Deporte despega mañá, venres, 14 de xuño cunha sesión matutina que terá como epicentro o complexo multideportivo de Fontecarmoa. Esta é unha das novidades deste ano e con ela se pretende promover o coñecemento das diferentes modalidades deportivas e das instalacións dispoñibles en Vilagarcía levando aos escolares dos centros educativos do municipio a Fontecarmoa.

250 escolares dos colexios e máis os usuarios da asociación BATA xa confirmaron que participarán na xornada multideportiva que se desenvolverá entre as 10:30 e as 13:30 horas nas instalacións deportivas municipais. Nos pavillóns 1 e 2 de Fontecarmoa poderán practicar actividades de multideporte e baloncesto respectivamente, e abriranse as canchas de tenis para que os escolares poidan ensaiar saques e reveses. O campo de herba artificial do Manuel Jiménez destinarase a fútbol e na zona de quecemento haberá tiro con arco. Nas pistas de atletismo os escolares poderán tomar contacto con algunhas das disciplinas deste deporte (salto de lonxitude, salto de altura, jabalina, triple salto….) mentres que no campo interior de herba natural xogarase ao rugby.

As actividades trasládanse pola tarde ao Auditorio Municipal onde a medallista olímpica en vela, Sofía Toro, ofrecerá ás cinco da tarde unha conferencia sobre deporte e lingua. Trátase dunha actividade transversal organizada a través da secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia a través do programa denominado “Espello Deportivo”.

Exhibicións pola tarde na explanada do Auditorio

Unha vez remate a conferencia, as actividades da Festa do Deporte pasan á explanada do Auditorio onde se sucederán exhibicións de baile deportivo, zumba, body combat e actividades rítmicas a cargo do club de baile deportivo e da concesionaria da piscina municipal, Serviocio.

A festa do deporte continuará o sábado coa celebración de deportes nas rúas peonís do centro da cidade durante todo o día e coa Gala do Deporte que terá lugar a partir das 21:00 horas na Praza de Galicia e onde se entregarán os premios aos deportistas máis destacados do ano.

13 de xuño de 2013 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.