A Federación Galega de Kárate e disciplinas asociadas celebra no Auditorio de Vilagarcía a súa gala anual
Vilagarcía volve a ser, unha vez máis, o lugar elixido por un organismo autonómico para a celebración dun evento. Neste caso trátase da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas que a vindeira fin de semana celebrará a súa gala anual no Auditorio Municipal. Nesta gala, o Concello de Vilagarcía recibirá o galardón que lle concede a Federación polas diversas mostras realizadas para promover estes deportes.
IV Gala do Karate e Disciplinas Deportivas Asociadas terá lugar o domingo, 7 de xullo, a partir da 18:30 horas no Auditorio Municipal. Neste evento, a Federación entregará os premios aos deportivas, persoas e entidades que destacaron durante a temporada que esta´a punto de pecharse, tanto polos seus éxitos deportivos como pola promoción ou patrocinio das disciplinas recollidas neste campo. No caso do Concello de Vilagarcía, a Xunta de Goberno da Federación, decidiu concederlle a distinción no apartado de administracións e organismos públicos “como recoñecemento á súa labor na promoción do karate e das súas disciplinas asociadas”.











