A exposición “MINGUaRTE” ofrece distintas perspectivas acerca da crise tentando insuflar espírito de cambio e positivismo

Inauguración da mostra
A sala de exposicións Alberto Gende situada na baixocuberta do terceiro andar do Pazo da Cultura acolle a exposición colectiva “MINGUaRTE”, unha mostra de creadores vinculados a Carballo que se vén celebrando dende hai xa seis anos con carácter anual durante a programación de San Xoán. Nesta edición, os 24 artistas participantes decidiron dedicar esta exposición a un tema tan en voga coma a crise, pero segundo explicaba Mon Lendoiro, coordinador dos creadores que comparten as súas obras nesta mostra, cunha “idea de crise como liberación, loita, cambio e evolución”, tentando “insuflar de positivismo” ao público que se anime a visitala. O obxectivo é convidar a reflexionar a través das obras, considerando a arte coma unha plataforma de construción de discursos e ideas. En total son un total de 29 obras con técnicas tan variadas como escultura, pintura, gravado e fotografía, pero tamén apoiadas en múltiples estilos e formatos. Segundo o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presente na inauguración xunto coa Concelleira de Cultura, Mar Eirís, a Concelleira de Festas, Belén Lendoiro, membros da Comisión de Festas de San Xoán 2013 e os autores que compoñen dita mostra, “a arte ten que ser libre” e permitir reflexionar, obxectivos que os artistas cumpren sobradamente.











