A Eurocidade Chaves-Verín participa nos X Xogos do Eixo Atlántico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

Guimarães, cidade europea do deporte (CED), acolle os X Jogos do Eixo Atlántico, do 30 de xuño a 4 de xullo de 2013.

Os Xogos do Eixo Atlántico, que xa chegaron a súa décima edición, constitúen un evento itinerante que mobiliza a uns 2.000 mozos/as, de 34 cidades do Norte de Portugal e Galicia, que conviven durante unha semana tendo o deporte como nexo de unión. Estes xogos constitúen, pola súa lonxevidade e alta participación, un referente singular da práctica do deporte transfronteirizo en Europa.

Por primeira vez, a Eurocidade participará nos Xogos do Eixo Atlántico, na modalidade de natación, cun equipo conxunto que reúne a atletas masculinos e femininos dos municipios de Chaves e Verín. Unha participación conxunta que elimina fronteiras en nome da actividade física deportiva, constituíndose como un equipo transfronteirizo. A través da participación nos X Xogos do Eixo Atlántico, varios/as mozos/as dos dous concellos terán a oportunidade de estar presentes nun evento deportivo de grandes dimensións, enriquecendo así a súas vivencias persoais, deportivas e de eurocidadanía.

O día 30 de xuño celebrarase a cerimonia de inauguración xunto á Câmara Municipal de Guimarães, e o día 3 de xullo terá lugar a participación do equipo da Eurocidade representado por 10 atletas do Natação Clube de Chaves e do Club de Natación das EDC Verín: Hugo Montalvão, Telmo Braga, Hugo Morais, Pedro Calvão, Alfonso Ruggiero Garcia, Carla Costa, Marta Caneiro Losada, Joana Faustino, Sofia Teixeira e Paula Guede Vaamonde, e como adestradores Pedro César e Manuel Chaves Rivero.

28 de xuño de 2013 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.