A escola infantil municipal pecha 187 matrículas para o curso 2013/14
A Escola Infantil Municipal comezará o vindeiro curso escolar con 187 alumnos e unha vacante na aula de bebés. As familias interesadas poderán consultar a partir de hoxe a alista definitiva de admisións e a lista de agarda no taboleiro de anuncios do Concello e do da web municipal. As familias con nenos e nenas admitidos deberán formalizar a matrícula entre o 17 e o 28 de xuño. De non realizarse este trámite perderán o dereito á praza.
Tras o período de exposición pública e reclamación ás listas provisionais de alumnos admitidos para ser escolarizados no curso 2013/14 na Escola Infantil Municipal, o Concello fai hoxe públicas as listas definitivas. En total son 187 os nenos e nenas de 0 a 3 anos que iniciarán o curso en setembro no centro municipal de A Lomba, quedando aínda unha praza libre no grupo de bebés.
A distribución por idades queda de xeito que a aula de bebés contará con 15 alumnos e disponse aínda dunha praza. O grupo de 1 ano intégrano 51 alumnos, máis unha praza que se reserva para casos de urxencia. O grupo de 2 a 3 anos será o máis numeroso, con 120 alumnos dos que 2 prazas se reservan para situacións de emerxencia.
As listas de agarda limítanse aos grupos de 1 e 2 anos, con 30 e 18 nenos respectivamente.
Unha vez publicadas as listas definitivas, as familias con nenos e nenas admitidos deberán formalizar a matrícula, para o cal se abre un prazo que vai do 17 ao 28 de xuño. De non realizar este trámite, perderán o dereito á praza que se cubrirá por orden de inscrición cos solicitantes das listas de agarda.











