A Escola Infantil Municipal gaña o VII premio pola igualdade na escola
A sétima edición do Premio pola Igualdade na Escola convocado pola Área de Igualdade da Concellería de Traballo e Benestar xa ten gañador. O galardón, dotado con 1.000 euros, recaeu no proxecto presentado pola Escola Infantil Municipal de Vilagarcía e desenvolvido durante o curso mediante a realización dunha serie de actividades e xogos coas que se buscou que os nenos e nenas interiorizasen que non existen diferencias entre eles por razón de xénero, que poden xogar indistintamente con todo tipo de xoguetes e que todos deben colaborar por igual nas tarefas da casa acordes as súas idades.
Á sétima edición do Premio pola Igualdade na escola tamén concorreron a Comunidade Educativa (ANPA, profesores e alumnos) da Escola de Educación Infantil Vagalume co proxecto titulado “Somos diferentes, somos iguais”; e a Comunidade Educativa do CEIP Arealonga xunto Centro de Educación Especial BATA- Os Mecos que desenvolveron o traballo denominado “Teño un/ha amigo/a autista”, centrado principalmente no tema da integración.
Á hora de fallar o Premio, o xurado valorou que o proxecto cumpría dos obxectivos expostos nas bases da convocatoria relativos á traballar na igualdade de xénero e prevención da violencia. De feito, o proxecto da Escola Infantil Municipal leva por título “Educación para a igualdade e prevención da violencia”. As liñas que as coidadoras traballaron cos nenos e nenas ao longo do curso centráronse en facer visible a división do traballo por razón de sexo nos fogares para concluír que todos somos iguais e que, polo tanto, todos podemos facer de todo. Tamén traballaron na modificación de estereotipos que se consideran tipicamente masculinos e femininos e en facer comprender aos cativos a enorme importancia das tarefas que durante tanto tempo realizaron soamente as mulleres.
Outros dos obxectivos do proxecto foron sensibilizar progresivamente aos nenos e nenas para que compartan responsabilidades domésticas, facerlles comprender a importancia da participación e da colaboración en todo tipo de actividades e facelos competentes en tarefas domésticas sinxelas, favorecendo o desenvolvemento da súa autonomía persoal. Como obxectivo final, o proxecto pretendía crear no alumnado a necesidade de compartir todo baixo a idea da corresponsabilidade.
Dada a curta idade do alumnado da Escola Infantil Municipal, estes obxectivos traballáronse co grupo de maior idade, o de 2 a 3 anos, e cunha metodoloxía adaptada ás súas capacidades cognitivas mediante a realización de actividades sinxelas e divertidas. Por exemplo, as actividades realizadas para o fomento da igualdade consistiron en identificar cunha cor, a través de imaxes de partes da casa, as tarefas que fan papá e mamá; con outra cor as que só fagan os pais e cunha terceira as que só fan as nais.
O alumnado construíu dous bonecos (neno e nena), vestíronnos e xogaron con eles aprendendo que todo o mundo pode vestir como queira. Tamén practicaron xogos populares como” A roda roda” no que participaron todos fomentando condutas non sexistas. Para incidir na idea de que non hai traballos propios de cada xénero, nenos e nenas xogaron a peitearse uns aos outros e mesmo “cociñaron” con distintos utensilios de cociña para tratar de representar os comportamentos que ven na casa. Seguindo esta liña, alumnos e alumnas participaron por igual na tarefa de poñer a mesa para a merenda e de recollela, para aprender que todos deben colaborar nas tarefas de casa.
Os nenos e nenas xogaron indistintamente con coches e bonecas, escoitaron un poema a través do que estableceron un diálogo para fomentar a comunicación cos demais, aprender a usar expresións de cortesía e a transmitir emocións. E por último fixeron un mural a modo de conclusión e leron “un conto ao revés” abordándoo dende unha perspectiva non sexista.
O obxectivo final do proxecto da Escola Infantil é que os nenos e nenas interiorizasen as principais ideas para que as transmitan e poñan en práctica na casa coas súas familias e tamén nas súas relacións con amigos e amigas.











