A Escola de Música de Vilagarcía pon en marcha o seu primeiro campamento de verán
A Escola Municipal de Música Bernardo del Río non descansará durante as vacacións posto que, pechado o curso escolar, nos vindeiros días porá en marca o I Campamento Musical ESMU Vilagarcía. Trátase dunha nova iniciativa que segue o obxectivo marcado xa hai uns anos pola Concellería de Educación de sacar o ensino musical ás rúas da cidade para dalo a coñecer e facelo partícipe da sociedade. O campamento de verán está destinado aos alumnos matriculados no centros.
O I Campamento Musical ESMU Vilagarcía celebrarase na semana do 15 ao 19 de xullo entre as 10:30 e as 13 horas. O centro operacional establécese no Parque Miguel Hernández pero a idea é que as aulas musicais vaian rotando por diferentes lugares da cidade. Trátase dunha actividade voluntaria e gratuíta na que poderán participar alumnos do centro de entre 6 e 16 anos.
As sesións organizaranse en diferentes grupos nos que cada monitor traballará cos rapaces diferentes aspectos ou actividades relacionados coa música pero que non se abordan no temario nin se traballan nas clases durante o curso. Ademais, predominará a perspectiva lúdica. Así, haberá diversos xogos musicais, prácticas con instrumentos que non se ensinan no centro Bernardo del Río e moitas cousas máis que divertirán tanto aos participantes como aos espectadores.
Os profesores da Escola de Música serán os que exerzan de monitores desta innovadora actividade que se pon en marcha este verán de xeito experimental. A intención é que o campamento Musical teña continuidade no tempo, pero a decisión dependerá da acollida e resultado do mesmo. A día de hoxe xa hai inscritos 60 alumnos de diversas idades e os interesados dispoñen ata o venres a mediodía para anotarse. Poderán facelo na secretaría do centro mañá xoves, de 16 a 20 horas e o venres de 10 a 13 horas.











