A empresa Arriva poñerá en marcha este ano un servizo de buses urbanos durante o Festival Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

Seguen os preparativos do 29 Festival Ortigueira. E como sempre, o transporte público colectivo preséntase como a opción máis cómoda e menos contaminante para achegarse a gozar do certame. A empresa Arriva acaba de anunciar na súa web oficial as liñas especiais de autobuses que funcionarán dende algunhas das principais cidades galegas. Ademais, grazas á compañía, os folkies dispoñerán de novo dun servizo continuado de buses urbanos para moverse entre os distintos puntos neurálxicos do evento. Se ben, a partir de agora será de pagamento.

A compañía Arriva volverá apostar forte polo Festival Internacional do Mundo Celta, e despregará un operativo especial pensado para mover miles de visitantes dende as principais localidades de Galicia. O operativo, que arrancará o mércores 10 de xullo e concluirá coa operación saída do luns 15 de xullo, incluirá conexións entre a cabeceira do Ortegal e Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo, Viveiro e Ourense.

Ademais, por primeira vez, a compañía explotará o servizo de transporte urbano en Ortigueira durante a celebración da cita folk. Arriva xestionará directamente o servizo, despois de que na edición 2011 a organización, liderada polo Concello de Ortigueira, decidise, debido ás limitacións presupostarias, reducir ao máximo as liñas de buses que ofertou para moverse polo Festival.

Arriva activará unha liña circular que conectará cada hora o aparcadoiro oficial, a estación de buses (núcleo urbano de Ortigueira) e a zona de acampada. A viaxe terá o prezo único de 1 euro e están previstas saídas dende media mañá ata que conclúan os concertos, coa excepción das horas de comer e mentres duran os espectáculos do Escenario Estrela Galicia.

26 de xuño de 2013 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.