A diáspora en Suíza homenaxeou a Pedro Hombre, un dos referentes da galeguidade na confederación helvética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

As socias e os socios dos centros galegos en Suíza celebraron este fin de semana unha merecida homenaxe a Pedro Hombre e a súa dona, un dos matrimonios con máis presenza nas actividades desenvolvidas pola diáspora galega nos últimos anos na Confederación Helvética.

Con esta iniciativa, organizada pola secretaria do Centro Galego de Zug, e que tivo lugar na sede social desta entidade, as comunidades galegas no país centroeuropeo quixeron amosar todo o seu recoñecemento e agarimo na despedida desta parella, que ten decidido retornar á súa localidade de nacemento, Malpica de Bergantiños.

Por parte de Emigración da Xunta, a iniciativa contou coa participación do xefe de Gabinete da Secretaría Xeral, Ildefonso De la Campa, quen transmitiu aos homenaxeados toda a gratitude do pobo galego e o saúdo institucional do titular do departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, presente nese momento nunha celebración da diáspora en Andorra.

Presenza galega e sociedade de adopción

Segundo os datos do INE a xaneiro de 2012, a colonia de persoas nadas en Galicia e arestora residentes na Confederación Helvética ascendía a 37.000, dato que convertía a Suíza no primeiro país europeo con maior número de residentes galegos (excluída España, loxicamente), e o quinto no mundo, cun 8’35 por cento do total da diáspora no Exterior.

A colonia de cidadáns nados en Galicia ten acadado no país centroeuropeo unha moi relevante integración social, cultural, e mesmo política, tendo arestora a diáspora galega un moi alto nivel de consideración por parte da poboación autóctona.

10 de xuño de 2013 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.