A Deputación respalda a proposta de Ames sobre a representación dos concelleiros non adscritos nas comisións informativas
O Concello de Ames vén de recibir o informe solicitado á Deputación da Coruña sobre o dereito de participación dos concelleiros non adscritos nas comisións informativas. Nas conclusións do informe, elaborado pola asesoría xurídica do organismo provincial, apoiase a proposta exposta pola Secretaría Xeral do Concello, “entendendo que os concelleiros non adscritos teñen dereito a participar e votar nalgunha das comisións, en proporción á súa representación no Pleno, debendo poñerse de acordo para realizar a concreta asignación a cada comisión”.
Na súa solicitude de informe, o Concello de Ames reclamaba asesoramento sobre tres posibles opcións en torno á representación nas comisións informativas dos 10 concelleiros non adscritos da corporación amiense. A primeira opción era a proposta da Secretaría Xeral do Concello para axustar a representación nas comisións (propoñendo 2 representantes para o grupo municipal popular, 2 para o socialista e 3 representantes para os concelleiros non adscritos). A segunda e a terceira opción foron as aportadas polos concelleiros non adscritos. Na segunda opción, propoñíase que sendo tres os representantes que corresponden aos 10 concelleiros non adscritos, asistir todos (os dez), tendo todos e cada un deles dereito a voz, se ben o voto computaría 0,30 para que a suma dos dez non exceda de 3. Por último, a terceira opción plantexada é que asistiran os 10, con dereito a voz e voto, xa que defenden que a súa presenza e a súa participación nas comisións informativas forma parte do seu dereito individual como concelleiros da corporación.
O organismo provincial sinala que a solución ao problema organizativo que supón a composición das comisións pasa por adoptar unha fórmula que supoña a participación nas comisións dos concelleiros non adscritos como se, só a efectos organizativos, pertenceran a un grupo, asignándolles o número de comisións que proporcionalmente corresponda, debendo poñerse de acordo entre eles para distribuír a súa participación nas mesmas. Esta solución, engade, permitiría respectar o seu dereito de participación, a regra constitucional de proporcionalidade e a prohibición de aumento dos dereitos políticos e económicos, así como dar estabilidade á composición das comisións.
En relación á posibilidade de que todos os concelleiros non adscritos participen e voten en todas as comisións, establecendo un voto ponderado que reflectise a súa representación, a Deputación sinala que esta solución respectaría tanto a regra de proporcionalidade das comisións como o dereito de participación, pero non resolve o problema práctico da numerosa composición que poidan chegar a ter as comisións nin a oposición que o Tribunal Supremo plantexa á solución do voto ponderado. Por outro lado, resulta difícil compatibilizar esta solución coa prohibición recollida no artigo 73.3 da Lei de Bases de Réxime Local, que impide que os concelleiros non adscritos vexan incrementados os seus dereitos políticos e económicos.
Sobre a posibilidade de que os concelleiros non adscritos teñan dereito a participar e votar en todas as comisións, con dereito a voto en igualdade de condicións que aos adscritos, a Deputación subliña que esta solución podería infrinxir a esixencia constitucional de proporcionalidade, polo que, ao seu xuízo, non parece unha solución xurídica nin constitucionalmente viable, salvo para aqueles supostos nos que, por exemplo, só haxa un concelleiro non adscrito.
Posición de sobrerepresentación
No informe, a asesoría xurídica da Deputación fai referencia á xurisprudencia do Tribunal Constitucional, que establece que os concelleiros non adscritos teñen dereito a asistir ás comisións informativas, participar nas súas deliberacións e votar nas mesmas. Con todo, o Tribunal Constitucional engade que disto non se deriva que os concelleiros non adscritos teñan dereito a que o seu voto compute nos mesmos termos que o dos membros da comisión informativa adscritos a grupo. Se así fora, continúa, tendo en conta que a comisión informativa é unha extrapolación da representatividade do Pleno, os membros non adscritos gozarían dunha posición de sobrerepresentación. Neste sentido, tal e como sinala a sentenza 32/1985, de 6 de marzo, “a composición non proporcional das comisións informativas resulta constitucionalmente inaceptable porque estas son órganos só en sentido impropio e en realidade meras divisións internas do Pleno”. O que pretende o Constitucional é establecer un equilibrio entre o dereito de participación política dos concelleiros non adscritos e o respecto á esixencia de composición proporcional das comisións.
Sobre a cuestión de se cada un dos concelleiros non adscritos teñen dereito a participar en todas as comisións ou só en algunhas, o informe da Deputación lembra que no acordo terceiro do Pacto Antitransfuguismo firmado en 2006 estableceuse que “non existe un dereito do concelleiro non adscrito a participar en todas as comisións plenarias”. O informe tamén sinala que o Constitucional, na súa sentenza 246/2012, de 20 de decembro, parece dar a entender que non é obrigatorio integrar a cada concelleiro non adscrito en cada unha das comisións, senón que sinala que “se debe garantir o dereito dos concelleiros non adscritos a participar nas deliberacións e a votar nas comisións informativas nas que se integren, non alterando a esixencia constitucional de proporcionalidade na composición e funcionamento de ditas comisións”. Sobre esta cuestión, a Deputación da Coruña destaca que “si cando os concelleiros formaban parte dun grupo político non tiñan dereito a asistir a todas as comisións, tampouco despois, na condición de non adscritos, terán necesariamente tal dereito, xa que podería supoñer un aumento dos seus dereitos políticos e económicos, prohibidos polo artigo 73.3 da Lei de Bases de Réxime Local”.











