A Deputación da Coruña colabora no primeiro campus de fútbol que trae a RFEF a Galicia
O presidente da Deputación da Coruña, acompañado de varios representantes da Real Federación Española de Fútbol, presentou esta mañá o primeiro Campus de Fútbol tutelado pola RFEF que se celebrará en Galicia.
O campus, que terá lugar nas instalacións deportivas de Acea de Ama, realizarase en dúas quendas de sete días cada unha, unha primeira desde o día 30 de xuño ata o 6 de xullo e un segundo de 7 ao 13 de xullo. En total, poderán optar a este campamento 120 rapaces de entre 6 e 15 anos, sesenta cada semana, que poderán elixir tanto o réxime de interno como de externos, con adestramentos e sesións formativas en horario tanto de mañá como de tarde.
Para a posta en marcha deste campus, a Deputación colabora coa Federación, que será a encargada da recepción das solicitudes a través da súa páxina web. Tamén é a federación a que cobra as cotas de inscrición, de 160 euros para os que opten para réxime interno e de 60 para os que opten por durmir nas súas casas.
Durante a presentación deste campamento, o presidente da Deputación salientou, ademais do aspecto deportivo que se trata de fomentar, a importancia que ten “fomentar e promover outros valores como a convivencia, o compañeirismo ou o espírito de sacrificio entre os rapaces da provincia”.
Pola súa banda, os representantes da RFEF que acudiron á presentación do campus agradeceron a implicación da Deputación na posta en marcha do campamento e, no caso concreto de Paco Jémez, ex xogador do Deportivo e profesor nesta iniciativa, a mensaxe centrouse en aplaudir o esforzo desta administración en tempos de crise porque, segundo explicou, é “moi importante e fundamental na vida” que os rapaces aprendan a amar o deporte.
Xunto a Diego Calvo, acudiron a esta presentación o presidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares; o adxunto á secretaría xeral da RFEF, Borja Santana; o integrante do corpo técnico da RFEF, Miguel Ángel Ruiz; o presidente da asociación de ex xogadores da RFEF, Juan Carlos Pedraza; o ex xogador da selección nacional e do Deportivo da Coruña e agora adestrador do Rayo Vallecano, Paco Jémez; e o responsable de Proyectos y Desarrollo o da Fundación da RFEF, Joaquín de Ramos.











