A Deputación asina co Concello de Arteixo e os empresarios de Sabón un protocolo para sentar as bases do futuro do polígono
O presidente da Deputación da Coruña, xunto ao alcalde de Arteixo e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón asinaron esta mañá un protocolo para a cesión das obras de urbanización do parque empresarial.
Segundo explicou Diego Calvo, responsable da administración titular deste polígono arteixán, “o que acabamos de asinar é un protocolo de intencións que senta as bases de cara á futura organización deste polígono, o que supón unha mostra máis da colaboración entre administracións para conseguir o mellor para os veciños”.
O protocolo establece a creación dunha comisión de traballo que, integrada tanto por representantes do Concello de Arteixo como da Deputación e a asociación de empresarios, realizará un inventario de bens dos servizos comúns do polígono, xunto a un diagnóstico da situación para, tal e como relatou o presidente provincial, “deixar os servizos comúns en perfecto estado antes do traspaso da titularidade”.
Calvo salientou tamén que a sinatura deste protocolo supón “o primeiro paso” da resposta a unha vella reclamación tanto da asociación de empresarios como do concello e recalcou que “a día de hoxe non ten sentido que a Deputación xestione de forma unilateral un polígono situado en pleno corazón de Arteixo”. Insistiu en que “sentar as bases da colaboración entre as dúas administracións e os empresarios é bo para o Concello de Arteixo, bo para os veciños de Arteixo e tamén bo para os empresarios aquí asentados”.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón fixo especial fincapé na “necesidade de axilizar os trámites, algo que agradeceremos moito os empresarios, xa que agora temos que tramitar calquera xestión ante dúas administracións”.
Agradeceu tamén a boa disposición tanto da Deputación como do Concello porque “temos un polígono moi importante e non ten sentido que neste momento siga na situación na que se atopa”. Por iso, insistiu na “importancia que ten este protocolo, que dá resposta ao que nós levamos pedindo xa desde hai 17 anos”.
O alcalde de Arteixo, pola súa banda, defendeu que “o polígono de Sabón, un dos máis importantes de Galicia, ten que estar nunha situación administrativa óptima, e máis agora, cando os tempos de crise esixen respostas áxiles aos empresarios que traballan aquí”. Engadiu tamén que “grazas ao protocolo que hoxe asinamos poderemos xestionalo dun xeito máis racional e aproveitar as sinerxías que temos neste concello”.
Segundo establece o documento, a intención última do protocolo é traspasar a titularidade dos servizos comúns ao Concello de Arteixo. Isto suporá que a Deputación realice todas as actuacións necesarias para deixar o parque empresarial en perfecto estado antes de que o concello asuma o mantemento da rede viaria, a rede de pluviais, o alumeado, as zonas verdes, o abastecemento da auga ou o saneamento.











