A Coruña recupera a luminaria da Torre de Hércules e incorpóraa á exposición arqueolóxica do faro
A concelleira de Turismo, Luisa Cid, presentou hoxe, para a súa incorporación ao patrimonio do faro, unha peza arqueolóxica que, segundo fontes documentais, formou parte da antiga luminaria da Torre de Hércules. Trátase dunha pedra troncocónica de 1,18 metros de longo e 0,47 metros de alto que dende hoxe se inclúe na exposición da Torre, tal e como anunciou Cid aos pés do monumento que mañá celebra o cuarto aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade.
A peza, que permaneceu practicamente esquecida durante máis de 30 anos nun almacén da Autoridade Portuaria, foi solicitada o pasado ano pola Xunta de Galicia para incluíla na mostra Gallaecia Petrea de la Ciudad de la Cultura, en Santiago, lugar no que estivo exposta ao público ata o pasado mes de abril, segundo explicou Cid no acto de presentación ao que tamén acudiron a xerente do Consorcio de Turismo, Fernanda Arenas; e a directora da Torre de Hércules, Ana Santorun.
Luisa Cid engadiu que diversas teorías -baseadas nos restos arqueolóxicos achados na Torre, en datos subministrados polos relatos históricos e en planos do século XVIII anteriores á súa rehabilitación- argumentan que a pedra sería unha das dúas pezas que formaban parte da lanterna do faro, reforzando así a corrente do doutor en Enxeñaría e asesor do Plan Director da Torre de Hércules, Manuel Durán, que sostén que hai 2.000 anos o faro coruñés xa dispoñía dun complexo sistema de iluminación: non se iluminaba con rudimentarias cacharelas alimentadas con madeira seca que obrigaría a un constante mantemento do lume para que a luz tivese suficiente intensidade, senón cunha lámpada de aceite similar á de uso doméstico, pero de enormes dimensións.
A pedra agora exposta na base do faro coruñés formaría parte dese mecanismo da antiga luminaria que, a xeito de chisqueiro xigante, se colocaría sobre o recipiente que contería o aceite, o combustible da luminaria. A iluminación sería, ademais, móbil -un aspecto crucial para guiar ás embarcacións- e esta solución xiratoria conseguiríase mediante un sistema de espellos, hidráulico e de contrapesos. Esta proposta, precisou Luisa Cid, axústase, segundo expertos, “non soamente á tecnoloxía da época, senón tamén ás dimensións e característica da Torre de Hércules”.
Trataríase, polo tanto, dun sistema moi evolucionado, que xa empregaba o aceite como combustible, e cun espello metálico pulido parabólico capaz de concentrar a luz da chama. “Estariamos ante unha das pezas tecnolóxicas máis antigas de Galicia e España, exemplo perfecto da excelente enxeñaría civil romana,” subliñou Luisa Cid.
A responsable da Concellaría de Turismo agradeceu á Autoridade Portuaria a súa “total disposición e flexibilidade” ao permitir tanto o traslado coma a exposición da peza. Tamén destacou a súa “posta en valor” por parte do Goberno municipal para darlle á peza arqueolóxica o lugar que merece no patrimonio histórico da Coruña.
Entrada gratuíta
Luisa Cid avanzou, ademais, algunhas das actividades previstas polo Concello e o seu departamento para conmemorar o IV Aniversario da declaración do monumento como Patrimonio da Humanidade. Así, indicou que mañá o alcalde, Carlos Negreira, inaugurará aos pés da Torre de Hércules unha rúa en honor ao xa desaparecido doutor José Luis Vázquez Iglesias, Manito, un dos principais precursores da distinción concedida pola Unesco.
Os actos de celebración inclúen unha xornada de portas abertas, que se desenvolverá mañá ao longo de todo o día, e campamentos romanos todo o fin de semana. Así, o sábado e o domingo, 29 e 30 de xuño, desenvolverase Ave, Crunia, unha fiel reconstrución histórica na Torre de Hércules con charlas ao pé dun campamento lexionario e talleres de xogos infantís onde os nenos aprenderán a xogar como o facían os romanos. Tamén dende mañá, e como en ocasións anteriores, a Torre de Hércules permanecerá iluminada de “azul coruñés” durante unha semana para recordar o cuarto aniversario da distinción da Unesco.











