A Coruña aproba un investimento dun millón de euros para o novo equipamento do servizo de bombeiros
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto da ordenanza fiscal reguladora da ordenación de contribucións especiais, o que permitirá investir máis dun millón de euros en novo equipamento para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS). Na sesión celebrada esta mañá tamén concedéronse licenzas urbanísticas por valor de 2,73 millóns de euros, entre as que destacan o permiso para que a Xunta execute a ampliación do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Emilia Pardo Bazán e para a instalación de ascensores en seis edificios da cidade.
SERVIZO DE EXTINCIÓN DE INCENDIOS E SALVAMENTO
A aprobación da ordenación de contribucións especiais na Xunta de Goberno Local de hoxe é o paso previo ao seu visto e prace no próximo pleno municipal, fixado para o 11 de xullo. O convenio establece que a Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras (UNESPA) achegará 953.000 euros, o que supón un incremento do 60% con respecto ao ano pasado, cando UNESPA destinou 600.000 euros a proxectos do SEIS.
O voceiro do Goberno municipal detallou que cos 953.000 euros, unidos aos 105.888 euros achegados polo Concello (o 10% do investimento), se poderá adquirir un vehículo de rescate e un vehículo para traballos en altura; mobiliario para o posto de control do Parque de Bombeiros e a nova cocheira; e subministración de material para mercadorías perigosas (material de protección, colectores, maquinaria e ferramentas antideflagrantes) e desenvolverase a segunda fase de mellora da rede de hidrantes.
Julio Flores resaltou que este investimento se suma aos 660.000 euros presupostados en 2012 para a incorporación dun equipo de excarceración, unha estación de carga de seguridade, equipos de comunicacións, melloras na rede de hidratantes, mobiliario para o posto de control e un vehículo autobomba pesado. Entre 2012 e 2013, o investimento total é de 1,72 millóns de euros.
CEIP EMILIA PARDO BAZÁN
A Xunta de Goberno tamén concedeu á Xunta a licenza para a ampliación do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Emilia Pardo Bazán. “O proxecto de ampliación por fin adáptase ao que solicitou a comunidade educativa dende hai anos”, afirmou Flores, quen recordou: “Existía un convenio asinado en 2008 para a ampliación do colexio e a cesión dos terreos á Xunta por parte do Concello, pero, dende setembro de 2008 e ata que entrou a gobernar a nova Xunta del Partido Popular, os bipartitos non moveron nin un só papel para ampliar o centro educativo. Posteriormente a falta de diálogo do bipartito municipal desenvolveu un proxecto de ampliación onde non quería a comunidade educativa e agora, por fin, a ampliación do colexio realizarase nunha parcela de 13.389 metros cadrados, cun prazo de execución de 18 meses, para contar con 9 aulas, sala de usos múltiples, comedor para 300 alumnos e unha zona de administración, e un investimento de 2 millóns de euros.
Por outro lado, Flores resaltou o compromiso firme coa rede de Escolas Infantís Municipais que conta con 640 prazas para o curso 2013-2014, como é a conxelación das tarifas actuais. “Isto engádese ao incremento do 16,6% aprobado nos presupostos de 2013 nas partidas destinadas ás escolas infantís municipais e á mellora e acondicionamento dos centros educativos, cun investimento total de 2,1 millóns de euros,”.
NOVA HERDANZA
O Concello ten que facer fronte a unha nova herdanza urbanística por un proxecto executado polos anteriores responsables municipais. En 2009, os tribunais recoñeceron unha indemnización de 499.250 euros aos propietarios dunha parcela que permitiu a apertura da rolda de Outeiro. O Goberno local, tras interpoñer un recurso, logrou rebaixar a contía final ata os 278.195 euros, o que supón un aforro ás arcas municipais do 44% con respecto ao fallo de hai catro anos (en concreto, 221.055 euros). Esta nova sentenza é firme, polo que non cabe interpoñer recurso ordinario.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 2,73 millóns de euros, o que eleva a cantidade final dende o inicio do mandato ata os 248,3 millóns. Entre os expedientes tramitados, destaca a autorización para instalar ascensores en seis inmobles (nas rúas Ciudad de Sada, Petunias, Marcial do Adaíl, Pedroso, Pombal e Tui).
O Goberno municipal tamén deu o visto e prace, de xeito definitivo, ás conexións exteriores do polígono industrial de Vío: enerxía eléctrica, gas e telecomunicacións. Estas obras, desenvolvidas pola Promotora de Vivendas Urbanas, teñen un prazo de execución de 4 meses e un presuposto de 294.991 euros (IVE non incluído).











