A Coruña acorda co Club do Mar unha folla de ruta para regularizar a situación da concesión da piscina municipal
O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polo concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, realizou unha visita esta mañá ás instalacións do Club do Mar de San Amaro para informar dos últimos avances realizados para establecer unha folla de ruta, despois de 10 anos, para regularizar a situación da concesión da piscina municipal.
Neste sentido, o primeiro paso foi aprobar, en Xunta de Goberno, as medidas necesarias para que o club conte cos contratos das subministracións a nome da entidade. Ambas as dúas partes acordaron que o Concello cederá os dereitos da acometida de gas, para que nun prazo de tres meses o concesionario teña o seu propio contrato de subministración durante o tempo que dure a concesión, aínda que a acometida seguirá sendo municipal. Con esta medida ponse fin á situación que levaba anos producíndose e que consistía no pagamento do importe por parte do Concello que, posteriormente, se lle cobraba ao Club.
O seguinte paso será realizar, de forma conxunta, unha auditoría dos consumos eléctricos para determinar que parte corresponde ao Concello e que parte o Club do Mar. De forma paralela tamén se levará a cabo a cesión da acometida de enerxía ao concesionario, unha vez soluciónense os problemas da planta de bombeo de rede de sumidoiros que está nas inmediacións, separando a acometida do Concello da acometida do Club do Mar para que poidan facerse cargo, de forma individual, dos seus consumos.
Con todas estas actuacións dáse resposta a unha demanda solicitada pola actual directiva do Club do Mar porque ata o momento, tal e como sinalaron os seus representantes, se encontraban nunha situación irreal. A pesar de tratarse dun proceso complexo a Xunta de Goberno xa aprobou a folla de ruta que permitirá regularizar a situación da concesión tal e como veñen reclamando dende a entidade dende hai máis de 10 anos.











