A Concellería de Xuventude oferta 123 prazas para actividades náuticas e de lecer nos meses de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

Xa está aberta a inscrición nas actividades de lecer e natureza para os meses de verán, que a Concellería de Xuventude propón por quinto ano consecutivo, cunha nova edición, do programa “Embárcate 2013” dirixido a mozos e mozas de 16 a 35 anos.

A proposta consta de 5 actividades cunha oferta de 123 prazas e é unha aposta por promover valores coma o coñecemento e o respeto ao medio natural e a práctica deportiva.

O programa desenvolverase nos meses de xullo e agosto e inclúen unha fin de semana a bordo da histórica goleta Nieves, iniciación a actividades náuticas, obtención de título de Patrón de Embarcacións de Recreo (PER) e Titulación de Open Water Padi (Mergullo en augas abertas).

Todos aqueles e aquelas interesados poderán inscribirse dende hoxe, 17 de xuño, nas dependencias da Concellería de Xuventude, sita na Praza de San Martiño, nº2 baixo dereita, ou enviando un correo electrónico ao aderezo xuventude@ourense.es.

A admisión realizarase por orde de entrega das solicitudes e cada persoa pode formalizar un máximo de dúas inscricións. Os prezos de todas as actividades oscilan entre os 10 e 50 euros e comprenden aloxamento, transporte e pensión completa.

As actividades que se ofertan son as seguintes:

Mergullo en augas abertas: (Padi Open Water) curso de buceo, do 15 de xullo ao 3 de agosto (120 euros)

Ribeiro Náutico: O fin de semana do 12 ao 14 de xullo haberá un curso de deportes náuticos, coma Kaiak, windsurf ou esquí náutico con aloxamento en réxime de pensión completa no albergue de Castrelo de Miño, cun custe de 40 euros e 25 prazas.

Navegando rumbo ás illas: excursión dunha fin de semana nun veleiro de principios de século polas Rías Baixas. Os participantes no programa convivirán durante dous días a bordo do pailebote, coñecendo de primeira man como é a vida a bordo, aprendendo técnicas de navegación empregadas hai case cen anos e combinándoo con actividades medioambientais, como a toma de mostras de plácton, análise dos parámetros fisicoquímicos da auga ou roteiros nas illas de Ons ou Sávora, entre outros. A actividade desenvolverase a fin de semana do 3 e 4 de agosto e ten un custe de 50 euros.

Iniciación ao pádel: É un deporte que require unha boa forma física e un gran coñecemento da técnica, cun custe de 10,70 euros e por grupos de idade, con 8 persoas por gurpo, o programa acolle un curso de iniciación a este deporte, que conta cada día con máis adeptos.

Título de Patrón de Embarcacións de Recreo (P.E.R.): Permitirá o goberno de calquera tipo de moto náutica nas zonas delimitadas para elo, e o goberno de embargacións de ata doce metros de esolira, na zona de navegación comprendida entre a costa e a liña paralela trazada a 12 millas. Datas de celebración entre o 1 e o 16 de xullo, cun custe de 150 euros.

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e a concelleira de Xuventude, María Devesa, presentaron esta mañá no Salón de Plenos a programación completa das actividades. O alcalde salientou a “completa oferta de lecer con contidos moi prácticos, de actividades deportivas que non só aportan saúde aos participantes, senón que inclúen valores de traballo en equipo e o contacto permanente coa natureza”.

A concelleira de Xuventude, María Devesa, detallou cada unha das actividades, animando aos mozos a formalizar a inscrición canto antes, “debido ao éxito de demanda, e á rapidez coa que se encheron as prazas noutras edicións”. O número de prazas incrementouse, de 100 a 123 participantes, á vez que “se enriqueceu a oferta, con novos deportes como o pádel, unha práctica deportiva que está moi de moda”.

A programación de cursos de verán da inicio unha vez rematada a oferta de cursos da Concellería de Xuventude para inverno e primavera, que incluíron cursos de informática, idiomas, obradoiros de conversa e comunicación, formación e cursos de cociña e catas, cun grande éxito de participación.

17 de xuño de 2013 | 15:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.