A Concellería de Xuventude, en colaboración coa Asociación Xuvenil Amencer organiza o XXVI edición do Campamento Urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O próximo mes de agosto celebrarase a XXVI edición do Campamento Urbano, organizado pola Asociación Xuvenil Amencer, en colaboración coa Concellería de Xuventude do Concello de Ourense. Xulio César Iglesias e Laura Valcárcel, de Amencer, e María Devesa, de Xuventude, presentaron esta mañá no Salón de Plenos a programación e os detalles da iniciativa, que se celebrará entre o 1 e o 13 de agosto.

O campamento está destinado a rapaces de 8 a 15 anos -e máis de 15 anos para o xuvenil-, nunha oferta aberta, libre e gratuíta, a fin de que poidan participar todos aqueles rapaces que o desexen, e que pasen as súas vacacións de verán na cidade de Ourense. O obxectivo é promover actividades de ocio e tempo libre educativo, á vez que se proporciona aos nenos unha integración completa co entorno natural, social e cultural, fomentando a súa capacidade de participación en promovendo a convivencia co coñecemento mutuo.

Entre as actividades que se ofertan atópase a animación á lectura, obradoiros, psicomotricidade, deportes, novas tecnoloxías, ludoteca, xogos organizados, termas, visita a bibliotecas ou cine.

O horario do campamento urbano é de 10:30 h. a 13:30 h. e de 16:30 h. a 19:30 h. Os interesados poden facer a inscrición na sede de Amencer, sita no colexio Salesianos ou na Concellería de Xuventude, sita na Praza de San Martiño número 2, baixo. Os organizadores estiman a participación duns 700 rapaces.

A concelleira de Xuventude, María Devesa, salientou que unha das claves para manter o apoio do Concello na actividade é “que para 3 de cada 4 nenos é a súa única experiencia en campamentos, o que amosa que moitos queren, pero non todos poden participar nas actividades que lles gustaría”.

Xulio César Iglesias, xerente de Amencer, celebrou a presentación da 26 edición como “unha gran noticia”. “Sérvelles aos rapaces para que descubran tódolos recursos da cidade, á vez que se acaba con ese dito de que no mes de agosto non hai ninguén na cidade”. O xerente mencionou o lecer educativo como “un dereito dos nenos que temos que potenciar. Debemos respectarnos, convivir a través das experiencias, e iso é o que facemos a través desta experiencia lúdica e educativa”.

Laura Valcárcel, de Amencer, detallou a programación completa da iniciativa, que nesta edición inclúe a xa tradicional solta de globos, os días da cultura, da democracia, da natureza ou da auga, entre outras actividades como veladas nas que os propios rapaces escollen as actividades nas que participan.

12 de xuño de 2013 | 15:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.