A concellería de xuventude duplica o número de prazas para a campaña de actividades de verán do Concello de Ferrol
A concelleira de Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, presentou a nova campaña de actividades de verán que se desenvolverá entre o mes de xullo e agosto. Ademais, a edil explicou as principais novidades desta iniciativa de carácter gratuíta con respecto a edicións pasadas.
Así, como en anos anteriores, desenvolverase a actividade de ludoteca para nenos de 3 a 6 anos que será de luns a venres en horario de mañá nos meses de xullo e agosto e terá lugar nas instalacións municipais do Cantón de Molíns. “O obxectivo é potenciar a conciliación da vida laboral e familiar dirixidas á infancia durante a época de vacacións escolares de verán”, explicou Verónica Casal. O número de prazas é de 80, duplicando a dispoñibilidade do ano pasado. Por outra banda, o Campamento Urbano celebrarase dende o 8 de xullo ao 23 de agosto en horario de 09:30 a 14:00 horas de luns a venres. Esta iniciativa dirixida a nenos e nenas de 7 a 12 anos, contará con actividades cun importante compoñente educativo, así como lúdico e deportivo, e terá lugar no Centro Cívico e Cultural Carballo Calero. O Campamento Urbano, que se ampliou ao mes de agosto durante o presente mandato, contará cun límite de prazas de 160 menores, duplicando o número de dispoñibilidade do ano pasado. Ademais, a responsable das políticas de Xuventude e Igualdade do Concello de Ferrol adiantou que o Goberno Municipal está a traballar para que o vindeiro ano as actividade se programas de conciliación duren todo o exercicio, incluída a totalidade da época estival.
Entre as principais novidades, destaca que os menores interesados en participar nestas actividades deberán presentar o certificado de empadroamento no termo municipal xunto coa solicitude de inscrición dende hoxe ao 28 de xuño. “A prioridade do Goberno Local é cos ferroláns, se queda algunha praza libre poderán asistir nenos e nenas doutros Concellos”, engadiu a edil de Xuventude. Ademais, os menores que teñan tres faltas de asistencia non xustificadas perderán a praza e chamarase ao seguinte da lista de espera. A partida orzamentaria para a campaña de actividades de verán ascende a 28.000 euros -17.000 euros para o Campamento Urbano e os 11.000 euros restantes para o programa de conciliación que terá lugar na ludoteca do Cantón.











