A Concellería de Igualdade de Ourense celebrará este xoves o Día do Orgullo LGTB con actividades lúdicas e formativas
A concelleira de Igualdade, Marga Martín, e a técnico de igualdade, María Elena de Jesús, presentaron esta mañá no Salón de Plenos o programa de actos organizados polo Concello de Ourense con motivo da conmemoración do Día do Orgullo LGTB (lesbianas, gais, homosexuais, transexuais e bisexuais). As actividades están dirixidas a celebrar a igualdade e a diversidade de forma lúdica e formativa, contando co movemento asociativo, e enfocando as actividades desde o ámbito da educación social.
Aínda que a celebración concreta é o día 28 de xuño -data conmemorativa dos disturbios de Nova Iork e 1969 que marcaron o inicio do movemento de liberación homosexual-, os actos celebraranse o xoves na cafetería Efémera, na rúa Emilia Pardo Bazán, 46 (fronte ao Auditorio Municipal). Por unha banda, un contacontos titulado “Contos de mulleres”, realizado por “Tropa de Trapo” a partir das 21 h., no que se fala de historias de amor, orientación sexual, traballo en fabricas textís, empoderamento, vellez, ou tango. O obxectivo é visibilizar historias de mulleres que son protagonistas das súas vidas a través da arte de narrar.
A partir das 22:30 h., terá lugar un cine foro denominado (in)visibles, coa proxección de catro películas sobre roles sexuais e de xénero e construción de identidades: proxectarase a película “Maricón” -6´59´´- de Roberto Castón; “MARImatxOS” -10´-, “Vecinas” -15´- de Eli Navarro, e “Entrevista a Itziar Ziga” -7´49´´- de María Martos e Mai Cambarro.
As actividades están organizadas pola Concellería de Igualdade, en colaboración coa Asociación Cultural e Social Xaira, o Cineclube Padre Feijóo, a cafetería A Efémera, e Tropa do Trapo.











