A Concellería de Benestar Social reforza os programas municipais existentes co novo proxecto “Ferrol en familia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, deu conta hoxe do novo programa de reforzo da familia Ferrol en familia que foi tratado na comisión informativa da súa área celebrada esta mañá no Pazo Municipal. Esta iniciativa de apoio ás familias en momentos de transicións e crise ou en situacións de adversidade, serve para superar os retos que estas circunstancias suscitan e promover os cambios necesarios para afrontalas.

“A difícil situación económica estase a trasladar a todas as familias, tamén as que se consideran normalizadas, integradas ou sen risco de exclusión, por iso o Goberno Municipal ten que dar resposta a este novo perfil de usuarios de servizos e asistencias sociais, sinalou a edil de Benestar Social. Os diferentes programas individualizados que acolle este novo proxecto de reforzo na área da familia abarcan todos os novos modelos familiares (monoparentais, unións de feito, homosexuais…) polo que os recursos sociais chegarán a todo tipo de usuarios.

O programa Ferrol en familia, que se desenvolverá de setembro a decembro, comprenderá obradoiros de administración de recursos económicos, redución do absentismo escolar, escola de pais e nais, clases particulares gratuítas, seguimento médico en menores, busca de emprego e de vivenda ou a participación familiar en diferentes actividades; e fará posible a intervención profesional individualizada coas familias ou a prestación de apoio e colaboración. “O importante é que a calidade de vida siga na estrutura familiar” sinalou Rosa Martínez. A partida orzamentaria destinada a este novo programa Ferrol en familia é de 6.000 euros.

Reforzo dos programas municipais existentes

Este novo proxecto de reforzo familiar, complementa os programas municipais da área de Infancia, Familia e Adolescencia xa postos en marcha polo Goberno que preside Jose Manuel Rey Varela,  como son o de prevención do absentismo escolar, o centro de día para a infancia e a educación familiar. Ademais, as tarefas realizadas polos servizos sociais comprenden entrevistas coas familias, visitas a domicilio como método de observación directo, proxecto de intervención individualizada ou familiar, tarefas de acompañamento ou asesoramento e orientación a adolescentes con condutas inadaptadas.

13 de xuño de 2013 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.