A Concellería de Benestar abre o prazo de presentación de candidaturas ao premio solidario Cidade de Ferrol 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Concellería de Benestar Social, dirixida por Rosa Martínez Beceiro, abre o prazo de presentación de propostas para o “Premio Solidario Cidade de Ferrol 2013”. O Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) publicou o pasado venres, día 21, as bases da nova convocatoria deste premio e o prazo de presentación de candidaturas será de 30 días naturais a partir de dita publicación.

Este galardón busca premiar os esforzos de iniciativas e proxectos desenvolvidos no ámbito da solidariedade, a cooperación e o voluntariado nun contexto tanto local como internacional, tendo preferencia aqueles que se leven a cabo no termo municipal. O premio consiste na entrega dun distintivo solidario e o patrocinio e divulgación do proxecto, así como unha dotación económica anual de 5.000 euros e está dirixido a entidades sociais -consideradas como tal as asociacións, ONG, fundacións… que estean legalmente constituídas e sen ánimo de lucro- e persoas físicas. O xurado do certame valorará o interese xeral e específico do proxecto, o planeamento formal do proxecto (seguimento, control e avaliación final), o seu carácter innovador, que favoreza a participación directa dos beneficiarios, que impulse dinámicas que propicien o autodesenvolvemento e a igualdade de xénero, o respecto ao medio ambiente e a relevancia no ámbito local e para colectivos con dificultades específicas en particular.

Documentación requirida

As propostas para o certame deberán ser entregadas no Rexistro Xeral municipal xunto coa seguinte documentación: solicitude cos datos da entidade ou persoa, declaración responsable, fotocopia do DNI ou CIF segundo corresponda, certificado da inscrición da entidade no rexistro municipal ou certificado de empadroamento da persoa física, e descrición do/s proxecto/s cun máximo de seis folios por proposta.

25 de xuño de 2013 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.