A Concellaría de Xuventude pon o punto final á 14 edición de NOITES ABERTAS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

Este martes 11 de xuño ás 19h. no Pazo da Cultura terá lugar a reunión de final de Noites Abertas onde a Concellaría de Xuventude exporá os datos da avaliación realizada este ano na décimo cuarta edición do programa. Monitores e monitoras, responsables municipais, e membros das empresas clubes e asociacións coorganizadoras participarán nunha xornada de reflexión conxunta que ten por finalidade compartir datos extraídos das avaliacións diarias realizadas en todas e cada unha das actividades.

Este espazo de reflexión ten por obxectivo mellorar a organización do programa e ampliar a satisfacción tanto de usuarios/as como do monitorado. Hai que lembrar que son os propios mozos e mozas participantes os que finalmente rematan sendo monitores e monitoras do
programa, e nesa aprendizaxe e experiencia o que se trata é de darlles ferramentas e datos de reflexión e de mellora da súa práctica de cara a vindeiras edicións.

Este ano os datos de participación incrementaron notablemente pero sobre todo temos que destacar a cada vez mellor valoración que a mocidade fai do programa, do monitorado, do material, das instalacións, do horario pero especialmente do carácter gratuíto das actividades.
Por outra banda, dende a Concellaría de Xuventude infórmase que o programa PISANDO FORTE continúa coa programación de cursos gratuítos orientados á mellora das condicións sociolaborais de mozos e mozas, polo que esta semana terá lugar a “XORNADA:OUTRO
EMPRENDEMENTO É POSÍBEL” na Casa das Campás o xoves 13 de xuño ás 19,30h. Trátase dun espazo para o diálogo interempresarial, entre autónomos, ou persoas con iniciativa que estean valorando o feito de botar a andar unha iniciativa deste tipo pero tendo en conta os
pros e os contras da palabra “EMPRENDEMENTO”. A inscrición nesta xornada é gratuíta e para todas as persoas interesadas (non só a poboación destinataria do programa Pisando Forte, 16-35 anos), na Oficina Municipal de Xuventude situada no 3º andar da Casa Azul, ou
ben por teléfono no 986 100 185 , ext. 7491/2 ou enviando un correo a xuventude@pontevedra.eu

10 de xuño de 2013 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.