A Concellaría de Xuventude abre o prazo de inscrición para os seus campamentos de ocio alternativo
O Concello, a través da Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude, que dirixe Francisco Mourelo, organiza un campamento innovador co obxectivo de fomentar o deporte alternativo e as propostas de vida activa, facilitando o contacto e a interpretación do medio natural a través de xogos predeportivos, actividades lúdicas e dinámicas potenciadoras das relacións grupales, a diversión e o ocio educativo.
A iniciativa está dirixida a mozos de entre 12 e 17 anos, organizados en grupos de idade. Ofrécense 90 prazas, divididas en dúas quendas de 45; un do 1 ao 12 de xullo, e outro do 15 ao 26 dese mesmo mes.
As actividades, que se celebrarán en horario de 09.00 a 14.00 horas no albergue de Santa Cruz, centraranse en tres aspectos fundamentais:
– Actividades multideportivas: fomento do deporte alternativo (Kinball, floorball, ou ultimate), xogos deportivos na praia, kaiak, propostas de vida activa ou sendeirismo.
– Lúdico recreativas: rastrexo e xogos de pistas; ou actividades e dinámicas potenciadoras de ls relacións de grupo, a diversión e orientación.
– Ambientais: facilitando o contacto e a interpretación, por parte dos participantes, dos ámbitos ambientais próximos e do coidado e o respecto pola natureza, incluíndo rutas de sendeirismo polo ámbito ambiental de Santa Cruz ou a elaboración de xogos con material reciclable.
O período de inscrición, que se realizará no Espazo Iniciativas Xuvenís (Rúa Matadoiro, 68), manterase aberto dende hoxe e ata o próximo 20 de xuño. Cada campamento terá un custo de 40 euros e incluirá o transporte que realizará unha ruta de ida e volta con cinco paradas: Monte Alto – Riazor – Praza de Ourense – Catro Camiños – Vos Castros.
Esta novidosa proposta de campamento xuvenil garante unha experiencia positiva para os participantes e busca favorecer os seus desenvolvemento integral a través da ocupación do seu tempo de ocio con propostas que respondan aos seus intereses, motivacións e demandas e que propicien espazos lúdicos, educativos e de encontro.











