A Concellaría de Servizos Sociais presenta os seus campamentos de verán que fomentan a práctica do inglés
O Concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, anunciou esta mañá o inicio da actividade A Coruña Summer School 2013, Escola de Verán en Inglés 2013, “que ten como obxectivo facilitar unha alternativa de ocio baseada na práctica da lingua inglesa dun modo lúdico, ao mesmo tempo que se ofrece ás familias unha alternativa para a conciliación da vida familiar e laboral”, explicou o concelleiro.
A Escola de Verán en Inglés está dirigada a mozos de entre 12 e 16 anos. Levarase a cabo nas instalacións do Centro Escolar Fogar de Santa Margarita, de luns a venres, de 10.00 a 16.30 horas (incluíndo a comida) en tres quendas con dous grupos cada un de ata 12 integrantes:
– Primeira quenda: do 8 de xullo ao 19 de xullo.
– Segunda quenda: do 19 de xullo ao 9 de agosto.
– Terceira quenda: do 19 de agosto ao 30 agosto.
“As actividades estarán deseñadas para potenciar o uso do inglés. Esta escola pretende ser un espazo de inmersión nese idioma, primando a aprendizaxe oral sobre o gramatical. As actividades teñen como obxectivo reforzar a expresión oral da lingua inglesa propiciando situacións que estimulen a práctica do idioma e a súa utilización” “en contextos propios das actividades de verán”, destacou Miguel Lorenzo.
As prazas adxudicaranse por sorteo e en función da idade do participante e o seu nivel do coñecemento do idioma. A preinscrición realizarase os días 27 e 28 de xuño no Centro Cívico dos Mallos en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas. O sorteo será o día 28 de xuño, as listas publicaranse o 2 de xullo e a inscrición realizarase o 4 deste mes.
A Concellaría de Servizos Sociais, cun investimento de 17.000 euros, achega o 83% do custo da Escola, polo que os participantes terán que aboar unha cota de 40 euros por alumno.
Campamentos de urbanos, de día e tradicionais
Ademais, o concelleiro de Servizos Sociais presentou esta mañá as tres modalidades de campamentos de verán que ofrecen a súa Concellaría para menores con idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos. “Presentamos a nosa campaña vacacional dirixida a menores co obxectivo de conciliar a vida familiar e laboral das familias coruñesas”, explicou Miguel Lorenzo e engadiu: “Nesta ocasión, o inglés tamén será importante xa que nas catro quendas de campamento se dedicará polo menos unha hora diaria, á práctica da lingua inglesa,”.
En concreto ofértanse un total de 2.650 prazas, entre as tres modalidades de campamentos:
. Os campamentos urbanos de verán (entre 4 e 12 anos), realizaranse na rede de Centros Cívicos e veciñais da Concellaría de Servizos Sociais, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
. Os campamentos de día (entre 4 e 12 anos) realizaranse de 09.00 a 19.00 horas, incluíndo comida e merenda.
. Os campamentos tradicionais (entre 8 e 14 anos) terán unha semana de duración e nel os menores pasarán a noite fóra das súas casas.
O Concello destina este ano 220.000 euros para esta iniciativa. “A cantidade achegada pola Concellaría de Servizos Sociais completarase coas cotas que aboan os participantes nos distintos campamentos. Este ano mantéñense respecto ao ano pasado e a 2011: 26 euros por persoa e quenda, nos campamentos urbanos, e 85 euros por persoa e quenda, tanto para os campamentos de día como os tradicionais,” explicou Miguel Lorenzo.
Como noutras edicións, os campamentos urbanos realizaranse nos equipamentos da rede de Centros Cívicos e Veciñais da Concellaría de Servizos Sociais e en colexios da cidade. En canto aos campamentos de día, realizaranse no Colexio Rías Altas, na Zapateira e a sede dos campamentos tradicionais será no Centro de Educación Infantil e Primaria Sigüeiro, en Oroso, na que se poderán realizar actividades relacionadas co medio e ao aire libre.
As persoas interesadas na modalidade de campamentos urbanos deberán realizar a preinscrición os días 14 e 15 de xuño entre as 11.00 e as 13.30 horas pola mañá, e entre as 16.30 e as 20.00 horas pola tarde. A presentación das solicitudes deberá realizarse nos Centros Cívicos Municipais e Veciñais nos que se realizan os campamentos. “Para facilitar realmente a conciliación da vida familiar e laboral, estes campamentos chegarán a todos os barrios da cidade celebrándose nos centros de Artesanos, Castrillón, Eirís, Elviña, Labañou, Os Mallos, Os Rosales, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Palavea, San Diego, A Silva, Sagrada Familia, Santa Lucía, Pescadores, San Pedro de Visma e Santa Margarita. Ademais, en 12 destes centros, ofertarase unha hora complementaria para que os menores poidan entrar ás 09.00 horas. Tamén se ofertarán un total de 24 prazas para menores con minusvalidez” ” explicou o concelleiro.
O sorteo realizarase o 15 de xuño, ás 20.15 horas; os listados de admitidos e lista de espera poderán consultarse, a partir do día 21 de xuño, nos Centros Cívicos Municipais e Veciñais, a web municipal www.corunasolidaria.org, e no teléfono de información municipal 010. As persoas admitidas terán que realizar a inscrición os días 21, 22 e 25 de xuño.
Respecto ao contido dos campamentos urbanos, Miguel Lorenzo explicou que, como cada ano, se dividirán en catro quendas, con diversas temáticas: Unha viaxe polo Universo (do 1 ao 12 de xullo), o marabilloso mundo dos dinosauros (do 15 ao 31 de xullo), os contos dos irmáns Grimm (do 1 ao 16 de agosto), oído cociña (do 19 ao 30 de agosto).
Campamentos de día e tradicionais
Os campamentos de día centraranse nos seguintes temas: Había unha vez un circo (do 1 ao 12 de xullo), abacadabra (do 15 ao 31 de xullo), a mellor película xamais contada (do 1 ao 16 de agosto), Oído cociña (do 19 ao 30 de agosto).
Os campamentos tradicionais terán dúas temáticas distintas: En busca del arca perdida (para nenos de 8 a 11 anos) e La última cruzada (para nenos de 12 a 14 anos).
En ambos os dous casos, o período de inscrición será os días 19 e 20 de xuño, no Centro Cívico de Santa Margarita. O sorteo será o día 20, a publicación o día 25 e a data de inscrición o 26 e 27 de xuño.











