A Concellaría de Medio Ambiente de Gondomar retira o cadáver dun cabalo na estrada PO340 ao seu paso por Couso
O Concello de Gondomar encargouse da retirada do cadáver dun cabalo atropelado o mércores na estrada PO 340, ao seu paso pola parroquia de Couso, á altura do miradoiro de San Antoniño.
Tras recibir aviso, tanto da Garda Civil de Tráfico como do Servizo de Emerxencias 112, Juan Carlos González Camesella, concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, ordenou a retirada do corpo do animal.
A recollida foi xestionada por GESUGA, empresa autorizada para a xestión de subprodutos animais.
A Garda Civil tratará de identificar o propietario do animal, xa que este ocasionou un accidente no cal un vehículo resultou sinistrado.











