A Concellaría de Emprego de Ortigueira colaborará un ano máis no desenvolvemento do Outlet de verán do comercio ortegano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira colaborará na celebración da terceira edición do Outlet de verán que organizará en agosto a Asociación do Comercio Ortegana (ACO). O edil de emprego trasladou onte pola tarde aos representantes da entidade o compromiso firme do goberno local de apoiar, un ano máis, o desenvolvemento deste evento comercial.

Na reunión de traballo, realizada na Casa Consistorial, quedou patente o interese de ambas as dúas partes por repetir a experiencia, conscientes de que constitúe unha oportunidade excelente para promover a variedade e calidade do comercio local e dinamizar as vendas, nun momento económico especialmente complicado.

Por iso, o concelleiro de Emprego, Adolfo Maragoto, subliñou a vontade do seu departamento de apostar por unha iniciativa, que repetirá datas e que, segundo avanzan dende ACO, todo fai pensar que terá unha participación maior que as entregas anteriores.

Por iso, o concelleiro confirmou que, ante a previsión de que a carpa municipal non alcance para acomodar os distintos postos do feiral, a casa do concello asumirá os gastos derivados de contratar unha carpa adaptada ás necesidades de superficie dos participantes, ademais de proporcionar aos organizadores apoio loxístico (por exemplo, iluminación e conexión eléctrica).

Finalmente, dende a área de Emprego detállase que o evento, que terá lugar o fin de semana do 10 e 11 de agosto, se fará coincidir, por segundo ano consecutivo, coa Carreira Popular que organiza o Concello de Ortigueira. Espérase que, como sucedeu o pasado verán, a confluencia de ambos os dous eventos atraia centos de visitantes ao municipio e permita captar novos clientes aos establecementos participantes no outlet.

21 de xuño de 2013 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.