A Concellaría de Cultura de San Sadurniño levará dúas obras teatrais gratuítas ás parroquias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

06062013-17Dentro da política de descentralización de actividades do Concello, o departamento de Cultura ofrécelles este ano ás entidades veciñais de San Sadurniño a posibilidade de programar dúas obras de teatro, unha para público maior de 12 anos e outra orientada principalmente aos máis cativos. Trátase da nova montaxe de Bucanero, titulada “De película”, e da “Historia de Brancaflor”, do grupo Os Sete Magníficos máis Un. As asociacións de veciños poden solicitar xa as datas das representacións.

Pedro Picos e Xose Bonome aproveitan a estética e os tópicos do cine para enlazar unha secuencia de situacións inspiradas nas grandes películas negras de todos os tempos. Hora e media de espectáculo con risas aseguradas e cunha novidade na traxectoria de Bucanero: a incorporación ao elenco da actriz Marián Rei, convertida en caricatura da Uma Thurman de “Pulp Fiction” ou da Janet Leigh de “Psicose”.

“De película” é a última montaxe de Bucanero despois das súas exitosas “Kungfundidos” e a máis recente “A delgada liña boba”. A obra diríxese a público maior de 12 anos e está recomendada para adultos. Quen máis gozarán dela serán as persoas cinéfilas, xa que atoparán unha chea de clixés e parodias de filmes ben coñecidos aínda que, iso si, coa retranca e o humorismo galego que caracterizan todas as pezas da compañía.

Para nenos e grandes

Por outra banda, Os Sete Magníficos máis Un levarán ás parroquias “A historia de Brancaflor”. Un espectáculo a medio camiño entre o clown e a maxia para todos os públicos pensado para animar á lectura e para introducir os máis pequenos na marabillosa tradición narrativa galega. 

Protagonizado por Fran Rei, “A Historia de Brancaflor” é o primeiro espectáculo unipersonal de Os Sete Magníficos máis Un. Ademais, trátase da primeira incursión da compañía -con máis de dez de traxectoria profesional- na arte dos contacontos.

Baixo a dirección de Avelino González, nesta montaxe achegámonos á lenda popular de Brancaflor -filla do Demo- a partir da versión que Xosé Ramón Mariño Ferro recolleu na súa escolma “Contos Marabillosos”. Unha trama chea de probas máxicas, encantamentos, romances e maleficios. Unha fermosa historia de amor entre Brancaflor e Xan á que se opón con decidida firmeza o malvado pai da rapaza. Como non podía ser doutro xeito, a narración vén ilustrada con diversos xogos de maxia, que reforzan a comprensión do conto e, sobre todo, fan máis atractivo o espectáculo.

Dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos, o público é parte activa desta montaxe e a súa colaboración na mesma é imprescindible para que o amor entre os dous rapaces protagonistas triunfe sobre as continuas dificultades que se lles presentan.

As entidades poden solicitar xa as datas

A intención do departamento de Cultura é levar estas obras ás distintas parroquias do territorio. Porén, as entidades veciñais teñen que solicitar antes as datas para establecer o calendario de actuacións e evitar que se produzan coincidencias.

O Concello oferta as dúas obras de balde para as entidades, xa que se trata dun programa municipal que opta pola descentralización co obxectivo de chegar a máis público.

6 de xuño de 2013 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.