A Concellaría de Cultura de Ares co CIRS de Cervás presentan o VII premio de pintura Manuel Rebón
O concelleiro de Cultura, Eugenio Fernández Lago, e a viúva de Manuel Rebón e integrante da directiva do CIRS de Cervás, Josefina Gelpi, presentaron esta mañá a que será a séptima edición do Premio de Pintura Manuel Rebón – Concello de Ares, unha iniciativa que xa está consolidada e que conta cun prestixio que o grupo de goberno quere manter. Boa proba diso é que nesta ocasión, e malia a crise, o Concello fixo un esforzo e incrementará lixeiramente a contía do premio, que pasará de 900 a 1.200 euros.
Fernández Lago, así mesmo, confiou en seguir contando, como nas últimas edicións, con artistas de toda Galicia, que lle deron a este certamen unha enorme cualidade e xa é un referente a nivel autonómico (o premio vai dirixido para maiores de idade nacidos e residentes en Galicia).
O prazo de presentación das obras –unha por autor- será do 3 ao 12 de setembro no CIRS de Cervás, en horario de sete a nove da tarde, de luns a venres, e de doce a dúas e de sete a nove, os sábados e domingos. Os cadros presentados deberán ir asinados co nome do autor ou autora, figurando na parte de atrás o nome completo, enderezo, número de teléfono, DNI, data de execución da obra e o seu título.
Os premios -un de 1.200 euros e outro de 300 para o mellor pintor local, ademais de dous accésits- fallaranse o día 14 de setembro por parte dun xurado integrado por persoas vencelladas ao mundo da cultura. Un día despois, e como xa ven sendo habitual, inaugurarase unha exposición no CIRS, que estará aberta entre o 15 e o 28 de setembro, data na que ademais da clausura da mostra procederase á entrega de premios, nomeadamente ás oito da tarde.











