A cativería de San Sadurniño ponse de novo no lugar dos seus avós e avoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

O ano pasado foi declarado Ano europeo do Envellecemento activo para fomentar as actividades integrais que favorezan a autonomia e calidade de vida entre as persoas de máis edade. O Concello de San Sadurniño celebrou daquela unha actividade con nenos e maiores para facer unha chamada de atención sobre as barreiras que deben superar os anciáns no seu día a día. Foi un éxito e por iso se repetiu este ano.

A chuvia trastocou o programa inicial, que tiña previsto levar a actividade á praza do Concello. Con todo, os cativos de 6º do colexio público e os avós e avoas do centro de día volveron xuntarse para compartir un obradoiro atípico. Xavi Picos -artista multidisciplinar e especialista en traballar cos nenos- conduciu unha sesión na que se falou, principalmente, de mobilidade e accesibilidade. Dous conceptos abstractos para os máis pequenos xa que eles case non reparan nas barreiras arquitectónicas nin na mobilidade reducida. 

Por iso o obradoiro -que contou coa colaboración das técnicas do centro de día e de Aspanaeps- propuxo exercicios realizados conxuntamente por nenos e maiores e unha pequena ruta polos edificios públicos do centro urbano para ver ata que punto cumpren a normativa sobre accesibilidade. 

Con todo, unha das propostas máis exitosas da actividade “Ponte no meu lugar” foi a de probar o kit de simulación da vellez, un conxunto de pezas que limitan ou restan mobilidade e sentidos. Lentes que producen o efecto das cataratas, auriculares que non deixan oír, un chaleco que reproduce os efectos da artrose no espiñazo ou unhas rodilleiras que impiden dobrar as pernas son algúns dos elementos que compoñen este kit deseñado por Picos co que se pretende que os nenos e nenas empaticen coas persoas de gran idade e para que comprendan mellor esa etapa da vida á que todos e todas agardamos chegar.

Esta actividade interxeracional quere facer unha chamada de atención de cara a  mellorar e reforzar os recursos necesarios no traballo coas persoas maiores e, sobre todo, garantirlles a súa autonomía e unha relación normal co seu contorno.

19 de xuño de 2013 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.