A Casa Consistorial de Gondomar acolle a exposición fotográfica “Viaxando”
A Casa Consistorial de Gondomar acollerá dende o mércores 19 de xuño ata o 19 de xullo a exposición fotográfica Viaxando, que recolle 50 instantáneas presentadas polos participantes do VI Certame Fotográfico 2012.
A gañadora do premio desta VI edición do Certame foi Yolanda Gómez Fernández coa fotografía Lluvia en Oxford Street, presentada na OMIX do Concello de Gondomar.
A actividade, organizada polas sete OMIX do Baixo Miño e Val Miñor xunto á Casa de Xuventude de Tui, é un certame cuxa traxectoria se afianza ano tras ano, chegando a converterse en todo un referente para a xuventude con interese pola fotografía.
Curso de fotografía dixital
Dado o grande interese que esperta a fotografía entre a xuventude, dende a Concellaría de Xuventude, que dirixe Ignacio Troncoso, ofértase un curso de fotografía dixital destinado a mozos de 12 a 30 anos e para o que aínda quedan prazas. A actividade terá unha duración de 30 horas e será impartida entre o 8 e o 22 de xullo.
Durante a formación, os alumnos adquirirán coñecementos tantos técnicos como prácticos como son as partes dunha cámara, trucos, a luz, o uso do flash ou o retoque dixital. Todo o necesario para sacarlle partido a unha cámara de fotos e poder obter unha imaxe de calidade.
Todos os interesados poderán participar neste curso, realizando unha solicitude de inscrición ata o 27 de xuño na OMIX do Concello de Gondomar. Para maior información chamar o 986.369.746.











