A campaña de concienciación “Nigrán Non se Agota” retoma a súa actividade coa inauguración da tempada estival
Tras a presentación do novo sistema de control intelixente do consumo de auga nas praias celebrada o pasado mes de abril cunha xornada de limpeza de praias, a campaña medio ambiental Nigrán Non se Agota retoma a súa actividade coa chegada da época estival, coa repartición de máis de 10.000 flyers e colilleros de praia.
Ao longo deste fin de semana repartiranse nas praias de Nigrán -Praia América, Panxón, Area Fofa, Parrulos e Prado- flyers informativos sobre as novas duchas e lavapiés instalados nos areais do municipio, o seu funcionamento e como e onde adquirir as tarxetas para activalos. Así mesmo, ofrecen aos usuarios das praias e bañistas un decálogo de boas prácticas de protección medio ambiental das praias, no que se indica das medidas necesarias para mantelas limpas e coidadas, e uns colilleros de praias.
Co fin de facilitar a adquisición das tarxetas, ademais dos puntos de recarga destas -oficinas de turismo de Parrulos e Panxón e o propio concello- os usuarios poderán adquirilas por 1 euro cunha carga de 20 minutos en establecementos da liña de praia e en estancos. “Os establecementos adheridos contan cuns adhesivos nas que se informa que son puntos de adquisición das tarxetas”, engade Valverde.
“A instalación deste sistema pioneiro de control do consumo de auga, único en Galicia, permitirá un aforro de ata un 60% sobre o gasto habitual deste recurso nas duchas das nosas praias”, recorda o rexedor municipal. A campaña completarase cunha nova batida informativa o próximo mes de agosto.











