A Aula Mentor de Oroso incorpora dous novos cursos formativos: “Escalar o patrón modelo” e “Sketchup: debuxo en 3d”
A oferta formativa da Aula Mentor Educaoroso vén de incorporar dous novos cursos: un relacionado co téxtil denominado “Escalar o patrón modelo” e outro de deseño en tres dimensións chamado “SketchUp, debuxo en 3D”. Esta é a segunda ampliación do ano na oferta formativa da Aula Mentor orosá, logo dos cursos de desenvolvemento de aplicacións para android e programación en GWT incorporados en febreiro.
“Escalar o patrón modelo” recolle a técnica do Escalado de patróns base e modelos, un proceso que consiste na extracción dun determinado número de talles a partir dun modelo dado, permitindo así a fabricación en serie de calquera modelo prototipo deseñado e preservando todas as características orixinais do modelo. Trátase dun curso de nivel medio-alto, eminentemente práctico e cuxa aprendizaxe é progresiva, partindo dos conceptos e procedementos fundamentais ata acadar o nivel completo de formación nesta técnica. Más información en http://www.aulamentor.es/es/cursos-mentor.
O segundo curso está dirixido a todos aqueles aos que lles gusta o deseño 3D. “SketchUp Debuxo en 3D” é un curso de debuxo en 3D por ordenador dirixido tanto a profesionais como a afeccionados, pois se trata dun programa moi doado de realizar, totalmente práctico e moi divertido. O deseño en 3D con Sketchup é aplicable a múltiples campos como a arquitectura, escultura, decoración, mobles, urbanismo, enxeñaría, máquinas, automóbiles, avións, medicina, deseño gráfico, embalaxes, etc.
Exames
Por último, o próximo 24 de xuño, ás 16:00, comezarán os exames finais do curso CCNA Exploration. Aspectos básico de Networking, que comezou en febreiro. Os alumnos teñen de prazo para presentar os traballos ata o 23 de xuño. Se algún alumno non pode realizar o exame nesa data debe poñerse en contacto coa Aula Mentor Educaoroso o antes posible.
Para participar nos cursos da Aula Mentor de Oroso é preciso ter máis de 18 anos, cumprimentar o formulario de inscrición e aboar a taxa de inscrición, pasos que se poden realizar ben na propia Aula Mentor do Concello de Oroso (na rúa do Deporte,9) ou a través da páxina web municipal (www.concelloooroso.com). Ao superar o curso, o alumno recibe unha certificación de aproveitamento emitida pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.











