A aula da Rede CeMIT de San Sadurniño centra as actividades de xullo na alfabetización dixital
A aula de alfabetización dixital do Concello ocupará a súa programación do mes que vén con dous cursos pensados para tomar contacto coa informática e iniciarse na Internet. A aula CeMIT estará aberta só polas mañás entre as 10 e as 14 h. A publicación destes novos cursos cadra coa do primeiro balance do ano, que indica un importante incremento de usuarias.
O curso de iniciación á informática terá unha duración de 14 horas e celebrarase os días 1, 3, 4, 8, 9, 10 e 11 de xullo, en horario de 10 a 12 h. Con el búscase mostrar o uso básico dun ordenador, o manexo do rato e o teclado, a edición básica dun texto e a organización e almacenamento dos datos.
Unha vez aprendidos os conceptos imprescindibles de informática xa se pod dar o salto á rede. O curso de iniciación á Internet desenvolverase os días 15,16,17,18, 22, 23 e 24 de xullo. Serán 14 horas impartidas entre as 10 e as 12 para descubrir os aspectos básicos da rede de redes, como son o navegador, os recursos e servizos que se poden atopar nela ou de que xeito podemos empregala para nos comunicar.
Para participar nos cursos abonda con inscribirse na aula da Rede CeMIT, situada no baixo da casa da Cultura. Tamén se pode mandar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.es ou entrar na web https://cemit.xunta.es/, onde hai completa información sobre as actividades que se realizan neste centro de alfabetización, pefeccionamento e asesoramento nas tecnoloxías da información e o coñecemento.
Medran as usuarias
Desde o comezo do ano na aula impartíronse 23 cursos nos que participaron un total de 111 persoas. Neste tempo, ademais, rexistráronse 60 persoas como usuarias novas das que un 70% son mulleres.
Arredor da metade de das altas novas na rede non tiñan ningún coñecemento previo de informática, de aí que este sexa un dos cursos máis demandados. Séguenlle en interese os de iniciación á Internet, correo electrónico e o de retoque fotográfico. Nos últimos tempos tamén se constatou un incremento no interese por accións relacionadas coas redes sociais e coa busca activa de emprego a través delas.
O balance facilitado pola axente TIC da Rede CeMIT indica, por último, que o centro recibiu en total 437 visitas. Na cifra compútanse os cursos, o uso libre do equipamento, as prácticas de apoio a outras actividades municipais e tamén as persoas que acudiron ao centro para facer consultas ou solicitar asesoramento.











