A asociación “O esquío no piñeiro” reuniu máis de 700 fotos antigas de Brión nos últimos 3 meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocalLocal Portada
A-
A+

A asociación cultural, medio ambiental e deportiva “O esquío no piñeiro” leva reunidas máis de setecentas fotografías antigas de Brión, dentro dunha iniciativa posta en marcha en colaboración co Concello de Brión para recuperar e conservar o patrimonio fotográfico brionés e mesmo poder publicar un libro sobre costumes no municipio. Nestes tres meses que levan recollendo fotografías, a asociación conseguiu a colaboración de veciños e veciñas de todas as parroquias de Brión, polo que a escolma de imaxes está a ser moi variada.

As fotografías máis antigas recollidas datan da primeira década do século XX e a gran maioría correspóndense con celebracións relixiosas (vodas, comunións, procesións…), festas e xuntanzas tradicionais, retratos de familiares e amigos, partidos de fútbol… Así mesmo, recolléronse tamén imaxes das distintas parroquias de Brión, se ben aos membros da asociación chámalles poderosamente a atención que non se recollese ningunha imaxe antiga de lugares como o antigo cine de Pedrouzos ou sobre o balneario do Tremo, por exemplo.

Dende “O esquío no piñeiro” lembran que os veciños e veciñas que queiran colaborar nesta iniciativa que poden achegar as súas fotografías de dúas maneiras: dixitalizadas a través do mail oesquio@gmail.com ou ben persoalmente nas dependencias da Biblioteca Municipal do Concello de Brión, onde as fotografías serán dixitalizadas e devolveranse no mesmo momento.

4 de xuño de 2013 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.