A Asociación de Veciños de Sigrás visita a Despensa de Alimentos Municipal

Visita da asociación á despensa municipal
A Asociación de Veciños de Sigrás visitou hoxe a Despensa de Alimentos Municipal xunto á concelleira de Servizos Sociais, María Jesús González Roe, aproveitando a doazón de alimentos que realizaron a pasada semana. Os veciños asistiran a un taller de Memoria impartido por unha psicóloga que decidiu poñelo en marcha de forma gratuíta. Os veciños de Sigrás ao coñecer que non terían que pagar polo curso decidiron doar alimentos para a despensa municipal en lugar de pagar a actividade.
A edil popular mostroulles a despensa de alimentos xunto a varios voluntarios coa intención de que os veciños coñezan de primeira man o funcionamento e almacenaxe dos produtos doados procedentes da Cruz Vermella, Banco de Alimentos Rías Altas, particulares e asociacións. “Aproveito para invitar a todas as asociacións de Cambre que queiran coñecer a despensa para que saiban do seu bo funcionamento e da importancia que ten para moitas familias do municipio”, apuntou.
Recordoulles que todos os usuarios da despensa municipal pasan primeiro polo departamento de Servizos Sociais, onde as traballadoras sociais avalían cada caso particular. A Despensa Municipal de Alimentos do Concello de Cambre, creouse en 2012 polo Departamento de Servizos Sociais e en colaboración con Voluntariado e consiste na captación, almacenamento e distribución de alimentos básicos para as familias en situación de vulnerabilidade social.
A concellaría de Igualdade, Benestar Social, Sanidade e Educación, tendo en conta a situación de crise actual que supón un incremento das familias con necesidade de abastecemento de produtos alimenticios de primeira necesidade, considerou urxente e necesario a posta en marcha dun proxecto para a captación, almacenamento e distribución de produtos básicos entre as citadas familias.
O banco está provisionalmente situado nas instalacións deportivas de Dani Mallo e trasladarase aos baixos municipais da Barcala, anexo ao espazo cedido á Cruz Vermella e alí os voluntarios do concello e os técnicos de Servizos Sociais garantirá que os alimentes cheguen o antes posible ás familias que máis o necesiten.











