A Asociación de Propietarios de Fincas Urbanas de Ourense ofrece unha bolsa de pisos na cidade para o seu arrendamento
A maiores dos quince compromisos que a corporación do Concello de Ourense aprobou por unanimidade dos grupos políticos no Pleno ordinario do mes de xuño celebrado o pasado venres sobre a problemática dos desafiuzamentos, varios colectivos da cidade asumiron compromisos neste sentido a través da Comisión Cidadá de Desafiuzamentos, no marco do Pacto Cívico.
A concelleira de Benestar Social, Marga Martín, agradeceu esta mañá, tanto o traballo e o esforzo de tódolos membros participantes na Comisión, como os compromisos adquiridos polos colectivos profesionais e sociais ao respecto. A concelleira salientou a implicación da Asociación de Propietarios de Fincas Urbanas de Ourense, que ofrecen unha bolsa de pisos na cidade, propiedade dos seus asociados, para o seu arrendamento en condicións máis axeitadas ás capacidades de cada persoa ou familia afectada.
Martín salientou as medidas adoptadas, que sitúan a Ourense como cidade referente na abordaxe de medidas para respaldar ás persoas e familias con esta grave problemática. Entre os colectivos membros da comisión que adoptaron compromisos atópanse a Asociación de Propietarios de Fincas Urbanas de Ourense, Cruz Vermella de Ourense, a Asociación de Usuarios da Banca, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia, e o Colexio Oficial de Avogados de Ourense.
A continuación, adxúntase cada un dos compromisos adquiridos polos colectivos, así coma o texto aprobado por unanimidade no Pleno de xuño, no referente aos compromisos do Concello de Ourense:
Asociación de Propietarios de Fincas Urbanas de Ourense: ratifícanse na proposta realizada perante a Comisión de Desafiuzamentos na súa reunión do 21 de marzo de 2013, ofrecendo un ha bolsa de pisos na cidade, propiedade dos seus asociados, para o seu arrendamento, fixándose un aluguer o máis axeitado posible ás capacidades de cada persoa ou familia afectada.
Cruz Vermella de Ourense: Comprométese a seguir mantendo a súa liña de intervención, que contempla a entrega de diferentes axudas e produtos destinados á cobertura das necesidades básicas, orientación ao emprego e formación en materia de aforro e economía doméstica e información e asesoramento sobre os distintos recursos dispoñibles para os afectados.
Asociación de Usuarios da Banca (AUSBANK): comprométense a ofrecer asesoramento de balde, ás persoas en situación de exclusión social e con grave risco ou proceso de desafiuzamento nos casos considerados pola Comisión técnica e o Concello de Ourense.
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia: Comprométese a prestar atención psicolóxica urxente e inmediata ás persoas afectadas por desafiuzamentos nos primeiros momentos, mentres non sexan atendidas polos servizos públicos de saúde mental.
Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia: Comprométense a poñer a disposición dos afectados catro profesionais destinados a orientación e atención socioeducativa, sanitaria e laboral e o apoio na problemática familiar e educativa dos menores afectados.
Colexio Oficial de Avogados de Ourense (propostas): Propón incentivar, por parte dos gobernos estatal e autonómico, políticas de fomento do aluguer, coa creación dunha bolsa propia de vivendas accesibles a todas as rendas, así como a necesidade de garantir o acceso a unha vivenda ás víctimas de desafiuzamentos nos procedementos xudiciais. Propoñen tamén a adquisición ou adxudicación da vivenda por parte dunha entidade financieira a través dun proceso hipotecario, polo valor actual da vivenda a precios de mercado, descontando a contía aboada polo hipotecado durante a vida da hipoteca.
Acordos aprobados polo Pleno de xuño:
ASUMIR E APROBAR as propostas da Comisión Cidadá sobre a problemática dos desafiuzamentos reunida no marco do Pacto Cívico, presentadas pola citada Comisión para a súa consideración por este Pleno:
1)Publicación e difusión por parte do Concello dun teléfono de atención aos afectados polas hipotecas, en risco ou proceso de desafiuzamento, no que tamén se indique o contacto da Oficina de Intermediación Hipotecaria.
1)Colaboración na difusión e publicación, por parte do Concello, do contacto das distintas entidades sociais da cidade que organizan recollida de alimentos e bens, e dacordo coas mesmas, facilitarase un número de conta para os cidadáns que voluntariamente desexen realizar aportacións económicas destinadas a tal fin. Desde o Concello velarase en coordinación cos servizos sociosanitarios, por unha alimentación sana, equilibrada e variada no seo das familias afectadas polos desafiuzamentos.
1)Elaboración dunha base de datos de rexistro de casos de persoas afectadas polo impago das hipotecas ou alugueres, en coordinación cos distintos organismos e colectivos implicados, respetando o principio de confidencialidade tanto nas comunicacións entre as distintas entidades coma no tratamento dos datos recollidos.
1)Comisión dunha comisión técnica, integrada por un técnico municipal de servizos sociais, un psicólogo, un educador social, un traballador social, un avogado, un representante do Concello, un representante da Xunta de Galicia en Ourense, un representante da Asociación Stop Desafiuzamentos de Ourense e un representante dos afectados na cidade. Para a constitución da comisión contarase cos membros dos colexios profesionais que participaron da redacción deste documento e que voluntariamente queiran formar parte da mesma.
1)A Comisión Cidadá de Desafiuzamentos pídelle ao Concello de Ourense que subscriba e colabore no cumprimento expreso do convenio asinado entre o Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), a Xunta de Galicia e a Federación Galega Municipios e Provincias (FEGAMP), na detección consideración e amparo das persoas en situación de vulnerabilidade e risco de desafiuzamento na cidade de Ourense, así como na súa posta en coñecemento das autoridades autonómicas e xudiciais competentes e na atención e cumprimento dos programas de realoxamento contemplados no devandito convenio.
1)A Comisión Cidadá de Desafiuzamentos pídelle aos distintos grupos municipais que trasladen aos seus parlamentarios autonómicos e estatais, iniciativas conxuntas de apoio institucional do Concello de Ourense ás propostas lexislativas prantexadas polo Colexio Oficial de Avogados de Ourense neste documento.
1)En caso de necesidade de mudanza por parte dos posibles afectados por desafiuzamentos, o Concello valorará, dacordo coa comisión técnica e os servizos sociais municipais, as posibilidades de disposición dun vehículo para tal fin, sempre que as condicións o permitan e os desprazamentos se produzan dentro da cidade.
1)A comisión técnica informará, periódicamente, á Comisión Cidadá sobre o estado dos afectados polos desafiuzamentos e as medidas adoptadas.
1)Con vistas á elaboración dos vindeiros orzamentos municipais e unha vez coñecido o número real de afectados na cidade por esta problemática, propónse a consignación dunha partida para a atención das persoas afectadas, con consignacións específicas destinadas ao pago de alugueres sociais, e recibos de suministro (auga, luz e gas).
1)A Comisión solicita ao Concello que teña en conta a posibilidade de fraccionamento e/ou aprazamentos no pago dos impostos municipais (IBI) das persoas e familias afectadas polos desafiuzamentos.
1)A Comisión solicita o apoio institucional do Concello para dirixirse á Consellería de Industria da Xunta de Galicia e ás compañías de suministro eléctrico para reclamar especial atención ás persoas afectadas, evitando os posibles cortes de suministro ou custes engadidos pola reposición do servizo.
1)A Comisión solicita o apoio institucional do Concello para a súa mediación directa coas entidades bancarias e compañías de suministro naqueles casos nos que non fose posible o acordo ou negociación coas partes afectadas.
1)A Comisión pide que nos sucesivos concursos públicos para a tramitación, xestión e domiciliación dos ingresos, pagos e recibos municipais se teña en conta, como posible causa excluínte, o feito de que as entidades bancarias con presencia na cidade executasen desafiuzamentos nos últimos 12 meses.
1)O gabinete de comunicación do Concello colaborará na difusión do presente documento aos medios de comunicación, unha vez que esté asinado por todos os colectivos e persoas que colaboraron na súa discusión. No caso de producirse algunha comparecencia pública antes os medios relativa ao traballo desta comisión, invitarase a todos os membros da mesma que desexen participar no acto.
1)Os membros desta comisión, dacordo co espírito do Pacto Cívico, consideran que, nas circunstancias actuais, o cumprimento do principio constitucional do dereito das persoas a unha vivenda digna constitúe un valor fundamental para a nosa cidade.











