A Armada Española súmase ás celebracións do centenario ofrecendo bautismos de mar na patrulleira “Tabarca”
A Armada Española súmase ás celebracións do Centenario da unión dos concellos de Vilaxoán, Vilagarcía e Carril ofrecendo aos nenos da cidade a posibilidade de realizar as súas primeira singraduras a bordo da patrulleira Tabarca P-28. Con motivo da celebración, a nave realizará o sábado 22 de xuño catro travesías nas que poderán participar un total de 56 nenos e nenas de entre 7 e 10 anos de idade. Trátase dunha actividade gratuíta e os interesados poden inscribirse a partir do venres, 14 de xuño, na Concellería de Educación.
Os bautismos de mar na patrulleira organízanse a través da colaboración da Armada Española e da Real Liga Naval de España co Concello. A actividade enmárcase no programa de celebracións do Centenario de Vilagarcía de Arousa, por iso as travesías discorrerán na súa meirande parte en paralelo á costa dos tres municipios que deron orixe ao concello actual: Carril, Vilagarcía e Vilaxoán. Ademais de realizar a súa primeira singradura nunha patrulleira da Armada , os participantes terán a oportunidade de coñecer a fisionomía da súa cidade dende o mar, unha vista pouco frecuente. Ademais, durante a travesía, os pasaxeiros poderán visitar o patrulleiro e a tripulación explicaralle como é a vida a bordo e as misións nas que participa a Tabarca.
A patrulleira atracará no peirao do Ramal o sábado 22 de xuño. Alí será onde embarcarán os grupos que se anoten aos bautismos de mar. Ao longo da xornada realizaranse catro travesías de hora e media de duración. En cada unha delas poderán participar 14 nenos. A nave zarpará ás 12 horas, 16:30, 18 e 19:30 horas. Os nenos embarcará sós, tendo que ir a recollelos ao mesmo punto os seus pais ou familiares, transcorrida a hora e media que dura a travesía.
A patrulleira Tabarca P-28 é un buque de 44,5 metros de eslora e 6,6 metros de manga. A súa base atópase na Escola Naval Militar de Marín e depende do Mando da Forza de Acción Marítima de Ferrol. A súa dotación componse de 27 persoas: 1 TN Comandante, 3 Oficiais, 4 Suboficiais, 6 Cabos primeiros, 4 Cabos e 9 Mariñeiros
Adestramentos e vixilancia nos caladeiros
As misións da Tabarca inclúen tanto actividades de adestramento como operacións reais. Estas consisten fundamentalmente na vixilancia da costa, caladeiros de pesca nacionais e da Zona Económica Exclusiva. Tamén colabora activamente coa Escola Naval Militar para o adestramento dos futuros Oficiais da Armada, así como con unidades especiais do Exército de Terra e da Armada.
Construído nos estaleiros Bazán en Cádiz
O buque construíuse nos estaleiros da Empresa Nacional Bazán (a actual “Navantia”) en San Fernando (Cádiz). A súa botadura produciuse o 23 de decembro de 1980 e entregouse á Armada o 31 de decembro de 1981. A Tabarca é o primeiro buque de la Armada con este nome, que se corresponde co topónimo dunha pequena illa da provincia de Alacante. É o oitavo buque da serie “ANAGA” composta inicialmente de dez unidades das que actualmente quedan catro.











