A área de persoas maiores tramita as inscricións no programa diúrno de balnearios “Coidarte”
A Área de Persoas Maiores da Concellería de Traballo e benestar informa de que vénse de abrir o prazo de inscrición no programa diúrno de balnearios “Coidarte” organizado pola Deputación de Pontevedra. As persoas interesadas en participar deben dirixirse á A´rea de Maiores do Concello onde se lles tramitará a solicitude. O prazo remata o día 26 de xuño.
O programa “Coidarte” está dirixido ás persoas maiores de 50 anos, pensionistas ou a aquelas que necesiten un descanso das cargas familiares. Neste último caso, os interesados deberán acreditar a necesidade do respiro familiar mediante un informe dos Servizos Sociais do Concello.
A iniciativa ofertada polo organismo provincial dende hai anos, consiste en ofrecer aos beneficiarios a posibilidade de gozar durante cinco tardes consecutivas (e luns a venres) das instalacións dun balneario, talaso ou spa da nosa provincia. Para iso facilítaselles o transporte de ida e volta dende o respectivo Concello.
Os desprazamentos realizaranse nos autobuses da empresa adxudicataria do programa e contarán coas correspondentes coberturas aseguradoras. Durante a viaxe o guía informaralles ós usuarios sobre as ditas coberturas.
Cada balneario ou establecemento proporcionaralles ós participantes chancletas e gorro de baño para que poidan acceder ás instalacións, onde permanecerán por un período mínimo de dúas horas aproveitando todos os beneficios termais.
Sete establecementos da provincia
Os prezos que deberá pagar cada usuario polas cinco tardes (desprazamentos incluídos) oscilan entre os 30 euros do Spa Torre do Deza de Lalín ao máximo dos 80 que custa asistir a este programa no Balneario Termas de Cuntis. Os restantes centros aos que poden optar os interesados son o Spa Norat de O Grove (42 euros), o Spa Oca Galatea de Sanxenxo (55 euros), o Thalaso Atlántico de Oia (73 euros), o Balneario de Mondariz (76 euros) e o Balneario Hesperia Isla de la Toja (78 euros).
Para realizar a solicitude de praza, os interesados deben presentar unha fotocopia do DNI e o informe de Servizos Sociais se se trata dun caso de respiro familiar.











