A Alameda de Góis, en Sigüeiro, acolle este fin de semana o festival “Psicotroita II, a vinganza”
A alameda de Góis (Sigüeiro) acollerá este venres 21 e sábado 22 de xuño a segunda edición do festival Psicotroita, que encherán de ritmo, vatios e moita festa as noites orosáns. “Psicotroita II, a vinganza” conta no seu cartel con grupos como: O Caimán do Río Tea, Yakuzas, Familia Caamagno, Samesugas, The Fuzzbombs e Camarada Nimoy; así como actuacións individuais de Bigote Mix, Dj de Lata ou do crooner Tony Lomba.
Organizado por “Tremendo, laboratorio de formas audiovisuais”, en colaboración co Concello de Oroso e as empresas “Tinta de lura” e “Mutante, arte, deseño e comunicación”, o Festival Psicotroita conta con entrada e zona de campamento de balde, así como cunha carpa na propia Alameda de Góis (aínda que as previsións meteorolóxicas son favorables).
Programa
A festa comezará o venres 21 de xuño ás 22:30 horas coas actuacións de Camarada Nimoy (combinación de músicos de recoñecidas bandas que crean xuntos un universo musical novo e impactante que mestura swing, jazz e outros estilos); The Fuzzbombs (cinco guitarristas fuzz que interpretan clásicos do garage-rock); Familia Caamaño (un dos grupos de moda do rock and roll de Galicia); e Dj de Lata (directamente chegado de Uzbequistán, onde estivo dous anos de residente nos mellores clubs do país).
O sábado 22 de xuño, o festival inclúe este ano a novidade dunha sesión vermú (ás 13:00 horas) da man do showman Tony Lomba e do dj Bigote Mix, que fará a súa primeira actuación do día mesturando toda clase de ritmos (hip-hop, cumbia, electro, kuduro, pop, funk, bachata, corridos, grime, nu-rave, rumba…). Ás 17:00 horas será o turno para os novos músicos da Aula de Música de Oroso, que farán varias actuacións sos ou en compaña dos seus mestres, que tamén interpretarán varias pezas.
Xa pola noite, ás 22:30 horas será a quenda de O Caimán do Río Tea (que volven con máis forza ca nunca despois de crear auténticos himnos para a xeración Xabarín como “Estou na lavadora” ou “Ven a bailar”); Yakuzas (cuarteto madrileño de rock and roll); Samesugas (todo velocidade, distorsión e potencia); e a segunda sesión de Bigote Mix.
“Psicotroita II, a vinganza” está organizado por “Tremendo, laboratorio de formas audiovisuais” e conta coa colaboración do Concello de Oroso e das empresas “Tinta de lura” e “Mutante, arte, deseño e comunicación”. Así mesmo, conta co apoio de empresas como Eulogio Viñal, Talleres M. Suárez, Floristería Xulián, Novafer, Óptica Neovisión ou Carnicería Leopoldo; así como de establecementos hostaleiros como A terraza do Nuadú, A Corredoira Compostela, Restaurante Cortés, Malas Pécoras, Faladoiro, X que no, Viúda de Nouché, Bar Tapas, A Reixa, Pastelerías Ébano, Mercromina, Bar Medusa e Café-bar Nova Xeira.











