A Agrupación Musical Albéniz da Coruña actúa este sábado no Auditorio de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalOurense
A-
A+

A orquestra de Pulso e Púa da Agrupación Musical Albéniz da Coruña, ofrecerá este sábado un concerto no Auditorio Municipal. Será a partir das 20.30 horas e a entrada é de balde.

A Agrupación Musical Albéniz é a orquestra de pulso e púa máis antiga de España. A súa fundación data do ano 1928, cando un reducido grupo de afeccioados a estes instrumentos comezaron a reunirse e ensaiar para dar audicións en centros benéficos, sociedades recreativas, colexios, institutos, etc. Foi Eugenio Rivas o que tivo a idea de reunir aos membros máis destacados destes grupos para facer outro que interpretase música distinta e con arranxos orquestrais: “A Agrupación Musical Albéniz”. Desta forma, ficaron Eugenio Rivas como fundador, e coa dirección musical de Delio Vázquez, onde se puxeron as bases de todo o dilatado e meritorio historial desta Agrupación Musical.

Esta agrupación ten participado en importantes festivais tanto en España como no estranxeiro, percorrendo cos seus concertos unha grande parte da xeografía Europea: Portugal, España, Francia, Italia e Bélxica. Tamén Estados Unidos, chegando incluso a participar no Desfile da Hispanidade pola Quinta Avenida, e sendo recibidos polo alcalde de Nova York do ano 1992.

 Desde fai décadas, a Agrupación Musical Albéniz realiza un grande esforzo para incorporar mozos e así rexuvenecer a formación, sendo desde os 80 un colectivo cunha media de idade baixa en comparación con outros do mesmo ramo musical.

Concerto da Banda Municipal

Por outra banda, e como xa é habitual cada fin de semana, o domingo día 9 a Banda Municipal de Ourense, ofrecerá un concerto na Alameda do Concello ás 12.00 h.

7 de xuño de 2013 | 12:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.