A 36ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia acolleu hoxe a xornada “Seguemento do Proxecto Coopera+”

Un instante da xornada
No seu inicio Xoán Miguel Concheiro Abal, subdirector xeral de Cooperativas e Economía Social, deu a coñecer o Proxecto Coopera+, cuxo obxectivo é articular medidas que contribúan á promoción e á consolidación das cooperativas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Así mesmo, fixo fincapé na autoaxuda, autoresponsabilidade, democracia, igualdade, equidade e solidariedade como os principais valores cooperativos.
Por outra banda, Manuel Pérez Losada, xefe de servizo de Cooperativas e Economía Social, destacou as cooperativas como empresas que avanzan forte e que supoñen una oportunidade nestes tempos de crise, xa que ofrecen unha saída distinta para a xuventude e os desempregados, supoñen viabilidade para as explotacións agrarias e pesqueiras e posibilitan a recuperación de proxectos.
Ambos expertos destacaron ademais o importante crecemento que está a experimentar a constitución deste tipo de empresas e o emprego que están a xerar. Así, deuse a coñecer que durante este ano creáronse 33 novas cooperativas, de diversos tipos, con 197 socios.
No seu transcurso tamén se presentaron resultados do proxecto Coopera+ e dous exemplos cooperativos, o da galega Lúpulo Tecnoloxía de Galicia e o da portuguesa Regie Cooperativa Tempo Livre.
A xornada foi clausurada polo director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá Rodríguez.











