85 postos participan na primeira edición do Mercado Local Xusto de San Sadurniño
Produtos frescos, produtos transformados, artículos de segunda man, artesanía… todo terá o seu sitio no Mercado local xusto que organiza o Concello para a mañá deste domingo. O seu obxectivo principal é conectar mellor a pequena produción e comercialización coa clientela final, sen intermediacións e procurando que as cousas teñan un prezo xusto tanto para quen vende como para quen compra. O mercado contará con 85 postos.
O segundo grande obxectivo desta proposta municipal é recuperar o espírito das feiras de antano a través dun mercado de proximidade adaptado aos novos tempos. A do domingo será unha experiencia piloto que se desenvolverá tanto na praza do Concello como no adro do convento do Rosario. Se funciona marcarase un calendario fixo ao longo do ano que veña complementar os outros dous grandes encontros organizados polo Concello, a Feira da Plantación e a Feira Rural.
Na última semana inscribíronse nesta primeira edición do Mercado local xusto de San Sadurniño un total de 80 persoas con ganas de ofrecer a súa mercadoría a bo prezo ou incluso de balde a través do intercambio.
Por actividade cóntanse 24 postos relacionados coa produción, como son viveiros, labregos, comercializadores de excedente e produtores ecolóxicos. Outros 34 serán postos de artesanía e os 27 restantes serán expositores non profesionais de artigos de segunda man, aínda que este apartado está máis orientado ao troco que á venda.











