400 palilleiros e palilleiras congregaranse na tradicional xuntanza con motivo das Festas da Rosa

Palilleiros en edicións anteriores
Aproxímase a celebración dun dos eventos culturais máis tradicionais e emblemáticos das Festas da Rosa, a Xuntanza de Palilleiras, que se celebrará o vindeiro sábado, día 8 de xuño, en Costoias parroquia de Tameiga; e que este ano cumple a súa sexta edición. Este acto organízase conxuntamente entre a concellería de Cultura do Concello de Mos e as Palilleiras de Mos.
A xuntanza dará comezo ás 17.00 horas da tarde e ás 19.30 horas contará coa actuación musical do Grupo Vocal Chan do Bosque.
Na presente edición destacará o multitudinario da mesma, xa que asistirán ó redor de 400 palilleiros e palilleiras procedentes de tódalas provincias da comunidade autónoma galega agás Lugo, e de tódalas idades. Estarán en Mos palillando o próximo sábado representantes de diversos municipios das provincias de Ourense, A Coruña e Pontevedra. Máis de 50 das 400 palilleiras coas que contará a xuntanza de Costoias son naturais de Mos.
A xuntanza deste ano contará novamente coa participación da Mostra do Encaixe de Camariñas, que traerá a palillar a Mos, ademais de a palilleiros e palilleiras adultos, a 30 nenas de a partir de 5 anos de idade, pertencentes á Escola Municipal de Encaixe de Bolillos de Camariñas.
Exposición
Como non podía ser doutro xeito, e como se ven facendo ano tras ano dende o seu inicio, a Xuntanza de Palilleiras contará coa instalación dunha exposición que os espectadores poidan contemplar, ademais de poder ver ós preto de medio milleiro de palilleiros e palilleiras palillando en directo. Na mostra exporanse os traballos realizados polos alumnos e alumnas dos cursos de encaixe de bolillos impartidos nas asociacións mosenses a través do programa Tempo de Lecer da concellería de Participación Cidadá, e tamén haberá expostas este ano prendas elaboradas polos membros da Mostra do Encaixe de Camariñas.
Sobre a Xuntanza de Palilleiras deste ano a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, declarou hoxe que “se trata dunha edición moi multitudinaria e novedosa á que pagará a pena asistir, polo que animo a todos e todas os e as mosenses a que se acheguen o sábado pola tarde ata Costoias para poder contemplar o bo facer de tódolos artesáns do encaixe de bolillos que estarán presentes; artesáns que co seu traballo manteñen viva unha das tradicións galegas de maior beleza”.











