30 desempregados deron comezo as prácticas profesionais en empresas nos cursos de xerocultor/a e operacións básicas de cociña
Un total de 30 desempregados iniciaron estes días as prácticas profesionais titorizadas en empresas de dous itinerarios formativos do proxecto “Ferrol punto de emprego II”, posto en marcha polo Concello de Ferrol. Os participantes no curso de “Operacións básicas de cociña” comezaron o pasado sábado día 1 de xuño o módulo práctico en empresas do sector de hostalería e de restauración colectiva; mentres que o alumnado que se forma como “Xerocultor/a especializado/a en actividades rehabilitadoras” realiza dende a xornada de onte prácticas profesionais na Residencia de Persoas Maiores de Laraxe (Grupo Geriatros).
As entidades colaboradoras no itinerario de inserción laboral de Cociña son: Serunión Servicios S.L (cociña da Residencia Geriatros-Ferrol), Clece S.A. (cociña do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Souto de Leixa), Pizzas Sigrás S.L. “Green Nacion” (hostalería), Bruno y Begoña S.L. “El Mercado” (hostalería), Servicios Hosteleros Emai S.A. (cafetería do Hospital Arquitecto Marcide e Club de Campo de Ferrol), Jardanay S.L. (cociña e comedores de Inditex no polígono industrial de Ríos do Pozo), e Nantes, Coffee and Drink (hostalería). Esta actividade formativa posta en marcha polo Concello de Ferrol conta cunha duración total de 480 horas, das que 270 se corresponden co módulo de formación específica, 180 co módulo de práctica profesional titorizada en empresas e as 30 restantes para o módulo de formación transversal. O obxectivo da acción formativa é capacitar ao alumnado na preparación e presentación de elaboracións culinarias sinxelas, así como para asistir na preparación de elaboracións máis complexas, executando e aplicando operacións, técnicas e normas básicas de manipulación, preparación e conservación. O curso, que conta con 15 persoas desempregadas, deu comezo o 11 de marzo e finalizará o vindeiro mes de xullo.
O itinerario de inserción socio-laboral Xerocultor/a especializado/a en actividades rehabilitadoras” conta cunha duración total de 255 horas, das que 60 son de formación específica, 160 de práctica profesional titorizada en empresas e as restantes 35 horas comprenden a formación transversal. O curso formativo -dirixido a 15 persoas- comezou o 14 de maio e se prolongará ata o vindeiro mes de xullo, ten como obxectivo dotar ao alumnado dos coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes relacionados coas distintas disciplinas rehabilitadoras que permitan manter e mellorar a autonomía persoal dos maiores e as súas relacións co entorno tanto en institucións públicas como privadas. Estas accións formativas están enmarcadas no proxecto “Ferrol punto de emprego II” posto en marcha polo Concello de Ferrol, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), que ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.











