240 vehículos foron controlados na campaña de vixilancia de estacionamentos posta en marcha pola Policía Local de Ferrol
O concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Pablo Cal Martínez, informou esta mañá dos resultados obtidos da Campaña de control de estacionamentos abusivos realizada polos axentes da Policía Local de Ferrol entre os días 13 e 26 de maio. A medida forma parte do Plan de Seguridade Viaria posto en marcha polo Concello de Ferrol.
Este operativo de seguridade realizouse en dúas fases, unha preventiva e disuasoria e outra executiva e sancionadora. A primeira etapa, consistiu na presenza policial continuada en aquelas rúas nas que se rexistra unha indisciplina grave e habitual no estacionamento indebido de vehículos, mediante a constante vixilancia por patrulla en vehículo e incluso presenza a pé dos axentes nos puntos máis saturados, con unha actitude disuasoria e preventiva destas condutas. Na segunda fase procedeuse á denuncia dos vehículos estacionados de forma irregular e abusiva, e tamén ao ordenamento da súa retirada da vía pública segundo o regulamento establecido.
No que atinxe aos datos obtidos, durante os catorce días que durou a campaña de control de estacionamentos abusivos foron controlados un total de 240 vehículos, dos que 164 se atopaban en estacionamento irregular abusivo e foron denunciados mentres que os 76 restantes que estaban estacionados de maneira irregular leve foron abortados sen denuncia. Con respecto ao tipo de infraccións obxecto de denuncia: 21 vehículos estaban estacionados en zona de carga e descarga, 10 en paso de peóns, 20 en zona peonil, 27 sobre a beirarrúa, 12 en dobre fila, 17 en zona de reserva de estacionamento ou vado, 26 en carrís de circulación, 3 en interseccións, 3 en prazas reservadas para minusválidos, 8 en paradas de transporte público e 17 vehículos por outros estacionamentos irregulares.
Campaña de protección dos peóns
Ademais, a vindeira semana iniciarase a campaña orientada a aumentar a protección dos peóns. Aos condutores esixiráselles respecto escrupuloso da prioridade de paso dos viandantes nos pasos de peóns, beirarrúas e pasos rebaixados, para o que se establecerán controis en determinadas rotondas e noutros puntos conflitivos como a estrada de Castela. Pola súa banda, os viandantes serán alertados sobre a necesidade de respectar a sinalización e tamén se lles lembrará que nos pasos de peóns sinalizados mediante marca viaria, aínda tendo preferencia, só deben penetrar na calzada cando a distancia e a velocidade dos vehículos que se aproximan permita facelo con seguridade.











