212 mosenses recollen o seu diploma tras realizar os cursos promovidos pola Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+
Entrega de diplomas

Entrega de diplomas

Esta tarde celébrase o acto de entrega de diplomas dos cursos da Deputación de Pontevedra en Mos correspondentes ós programas Actívate, Pensa en Tí e Tí tamén contas. O evento terá lugar a partir das 20.30 horas no auditorio do centro Multiusos das Pozas, parroquia de Petelos, contando tamén coa actuación musical da Orquestra de Saxos do Conservatorio de Redondela.

Ademais dos 212 mosenses que recollerán os seus respectivos diplomas, estarán presentes no acto de entrega Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Kely Monzón, concelleira de Educación e Participación Cidadá e os demais edís da Corporación Municipal mosense.

O programa Actívate conta con alumnos de entre 16 e 35 anos que mediante a súa participación no mesmo reciben orientación de cara á busca de emprego ou á mellora do seu desenvolveneto persoal. O programa Pensa en Tí pretende mellorar a calidade de vida e incrementar a activación social de homes e mulleres adultos. E o programa Tí tamén contas busca fomentar o asociacionismo das persoas maiores ó tempo que lles oferta actividades coas que encher o seu tempo de lecer.

O programa Actívate da Deputación de Pontevedra leva desenvolvéndose dende o ano 2009 coa finalidade de proporcionarlles formación ós máis xoves, orientalos na busca de emprego, e procurar a mellora do seu desenrolo persoal, artístico ou creativo a través da ocupación no seu tempo de inactividade laboral. Durante o ano 2012 o programa Actívate instruiu a 1.028 mozos e mozas da provincia de Pontevedra, dos cales 12 foron mosenses. Actívate 2012 contou cunha inversión da Deputación, de 57.822 euros, mentres que a administración provincial destinará para a edición deste ano deste mesmo programa un orzamento de 102.200 euros. En Mos foron 12 os alumnos e alumnas de que participaron no programa Actívate mediante a realización do curso de Aplicacións Técnicas de Seguridade e Primeiros Auxilios

O programa Pensa en Tí ten como finalidade concienciar ás mulleres e homes adultos do seu papel na sociedade actual, fomentar o seu desenvolvemento persoal e de grupo, mellorar a súa calidade de vida e contribuir á súa integración social evitando o aislamento. No 2012 participaron neste programa un total de 7.100 pontevedreses, dos cales 131 foron veciños e veciñas de Mos, contando cunha inversión total da Deputación de 383.400 euros. Para o presente ano 2013 a administración local manterá o orzamento a investir neste programa. Os 131 mosenses que participaron no 2012 en Pensa en Tí fixérono repartidos nun total de 10 asociacións do municipio nas que se impartiron cursos de cociña, fotografía, memoria, encaixe de palillos, agricultura ecolóxica, conservas, ioga, vaíñas e bordados, e informática.

O programa Tí Tamén Contas persegue o fomento do asociacionismo de persoas maiores a nivel provincial, a través de cursos dirixidos a ocupar o tempo de lecer deste colectivo de persoas, promovendo as relacións sociais dos nosos maiores en aras de evitar o seu aislamento e deterioro físico e cognitivo. A Deputación de Pontevedra leva desenvolvendo este programa dende o ano 2005 beneficiando no 2012 a un total de 2.215 participantes e 138 asociacións pontevedreses, nos que a administración provincial investiu un total de 97.058 euros. O orzamento inicial para este mesmo programa no presente ano 2013 é de 129.600 euros. Os participantes mosenses no 2012, ós que se lles entregará esta tarde os seus diplomas, foron un total de 69 persoas repartidas en 5 asociacións nas que se impartiron accións formativas de memoria, informática, pandeireta e encaixe de palillos.

Sobre estas accións formativas promovidas pola Deputación de Pontevedra, a concelleira Kely Monzón declara que “permiten reafirmar o noso interese na continuidade de cursos con gran relevancia para un municipio coma o noso, tan disperso e con tan poucas facilidades de comunicación entre as 10 parroquias existentes. E é que conseguir unha mellora do uso e disfrute do tempo libre dos habitantes de Mos a través da aprendizaxe, do traballo en equipo, e do fomento da creatividade en diferentes campos de actuación é importantísimo para o óptimo desenrolo de toda sociedade. A dispersidade dos seus núcleos é un handicap para o Concello de Mos, pero coa realización destes cursos lógrase fomentar a vida sociocultural e comunitaria da localidade; por iso lles desexamos unha moi longa vida ós programas Actívate, Pensa en tí e Tí tamén contas”, explica a edil.

20 de xuño de 2013 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.