189 obras compiten no Concurso de Fotografía do Mundo Agropecuario da Semana Verde de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+

Un total de 189 obras competirán no II Concurso de Fotografía do Mundo Agropecuario que se celebra no marco da 36ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia, a cal se levará a cabo do 13 ao 16 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia.

As fotografías pertencen a 50 profesionais e afeccionados de 12 provincias españolas, como son as catro galegas, Asturias, La Rioja, Vizcaya, Zaragoza, Navarra, Girona, Lérida e Madrid. Ademais tamén se rexistra participación dende México.

Os traballos pódense ver na súa totalidade tanto na páxina web da feira Semana Verde de Galicia como no seu facebook. Ademais, máis de 100 destas fotografías serán expostas durante os catro días do certame, para que poidan ser contempladas polos visitantes.

O concurso, que conta co apoio do grupo de fotógrafos afeccionados Véxote, a empresa de Fotografía Bernabé e o restaurante Fogar de Breogán, otorgará un primeiro e segundo premio á “Fotografía que mellor representa o agro galego”, e tamén un primeiro e segundo posto á “Fotografía máis orixinal”.

Os resultados coñeceranse na xornada inaugural da 36ª Semana Verde de Galicia, cando se fará público o fallo do xurado, o cal se reunirá esta semana para realizar unha preselección de 50 fotografías e o día anterior ao certame para decidir os gañadores e as fotografías que se mostrarán na área expositiva da feira.

Xornadas de fotografía

Como complemento deste concurso, o sábado día 15 celebraranse dúas xornadas técnicas centradas na arte da fotografía.

A primeira delas será impartida polo fotógrafo Fran Nieto, director da revista Naturaleza Salvaje e membro da Asociación Española de Fotógrafos da Natureza (ASEFONA). Baixo o título “Fotografía de Biodiversidade e Natureza”, dará a coñecer aos visitantes da feira que asistan as principais técnicas que engloba esta especialidade: paisaxe, fauna e macrofotografía.

A outra das conferencias abordará  a “Fotografía 360º”, dando a coñecer as claves deste tipo de fotografía que ofrece unha visión esférica completa de localizacións ou obxectos. O seu condutor será Suso Barral, fotógrafo creador de panorámicas 360º.

3 de xuño de 2013 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.