15 desempregados poderán formarse sobre financiamento de empresas que no curso AFD concedido ao Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia comunicou onte (venres) ao Concello a concesión dun curso sobre Financiamento de Empresas a través do Plan de Formación de Desempregados (AFD). Un total de quince persoas en situación de desemprego poderán participar nesta acción formativa solicitada dende a Concellería de Traballo e Benestar que dirixe Elena Suárez Sarmiento e que se impartirá ao longo do segundo semestre do ano.

O Concello de Vilagarcía solicitou este curso entre as accións formativas ofertadas como preferentes pola Consellería para a zona do Salnés e tendo en conta a homologación das instalacións municipais. Segundo os estudos de campo realizados en Vilagarcía e na súa comarca, a formación de desempregados na temática de financiamento de empresas pode resultar moi interesante tendo en conta o relevante peso que ten na zona o sector dos autónomos e en vista da problemática coa que contan moitas pequenas e medianas empresas para obter financiamento, o mesmo as dificultades coas que se encontran os emprendedores á hora de poñer en marcha un proxecto empresarial. O curso tamén pretende incidir de xeito positivo na creación de emprego, ao facilitar esta formación un maior éxito na posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

O Curso AFD de Financiamento de Empresas terá unha duración de 648 horas lectivas e, aparte da temática específica tanto teórica como práctica, inclúe a realización dos módulos transversais de Formación para a igualdade, Inserción laboral.

O curso AFD conta cun orzamento de 74.344 euros que subvencionará a Consellería de Traballo e Benestar a través dos Fondo Social Europeo.

Aínda se descoñecen as datas de realización do curso, que se impartirá nas dependencias do Centro de Formación de Matosinhos. Os aspirantes para cubrir as 15 prazas que se ofertan serán seleccionados polo Servizo Público de Emprego (antigo INEM) entre as persoas inscritas nas súas listas de demanda de emprego que se axusten ao perfil requirido.

9 de xuño de 2013 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.