120 operarios e 55 máquinas forman o dispositivo de limpeza das praias tras a noite de San Juan coruñesa
O Concello da Coruña, a través da área de Medio, estableceu un dispositivo formado por 120 operarios -o que supón un incremento do 10% no número de efectivos deste dispositivo especial con respecto a 2012- e 55 máquinas -un 22% máis- para a limpeza das praias tras a celebración da noite de San Juan.
O amplo operativo programado polo departamento municipal que dirixe Enrique Salvador permitiu que ás 08.00 horas se tivesen completado as tarefas de limpeza no primeiro dos areais (Oza), continuando con este dispositivo en San Amaro (concluído ás 09.30 horas), Riazor (sobre as 10.30 horas), Matadoiro (11.30 horas) e finalmente na praia de Orzán. Ás 16.30 horas, xa entraran na planta de tratamento de residuos de Nostián un total de 165 toneladas de lixo procedentes dos areais coruñeses.
A Concellaría de Medio tamén programou para esta edición de San Juan unha experiencia piloto coa repartición de 1 tonelada de piñas e 25 toneladas de madeira limpa para evitar restos cortantes ou punzantes na praia, ademais da emisión de posibles elementos contaminantes á atmosfera pola combustión de substancias como pinturas ou vernices. A repartición destas 25 toneladas foi todo un éxito, posto que a madeira rematou en apenas unha hora.
O responsable da área de Medio tamén destacou o éxito da campaña de reciclaxe San Juan: espírito sostible, organizado nas praias de Riazor e Orzán para premiar os cidadáns que colaboraron coa limpeza dos areais. Salvador explicou que esta iniciativa permitiu promover unha noite de San Juan máis sostible, máis cívica e máis limpa, fomentando a reciclaxe e a recollida de residuos nos areais.
A campaña desenvolveuse entre as 00.00 e as 04.30 horas, con sete colectores verdes de 6 m3 caracterizados co logotipo e lema da campaña e unha bandeirola identificada cos mesmos contidos visuais. Os colectores estiveron localizados ao longo do paseo marítimo e contaron coa presenza de monitores ambientais que se encargaron da recepción das bolsas de residuos e da entrega dos boletos numerados:
– Á altura do hotel María Pita.
– Á altura da rúa Sol.
– Á altura do ambulatorio San José.
– Á altura da Coiraza.
– Á altura do hotel Riazor.
– Nas inmediacións do posto de Salvamento en Riazor.
– Á altura do colexio das Esclavas.
En total, participaron ao redor de 12.000 persoas nesta iniciativa pioneira do Concello, o que permitiu recoller preto de 4 toneladas de lixo -os colectores enchéronse ao 85%-. Os 12.000 boletos entregados entrarán agora no sorteo de 15 viaxes para dúas persoas a diversos destinos nacionais e internacionais. En concreto, son tres voos a Ámsterdan, Roma e Bruxelas (un a cada destino); dous a Mallorca, dous a Tenerife e 8 a Madrid. O sorteo realizarase hoxe ás 20.00 horas na praza de María Pita, coincidindo co final das actividades infantís programadas con motivo das festas de San Juan.











